O PSOE DE XINZO LEVA AO VINDEIRO PLENO, UNHA MOCIÓN SOBRE A IMPLANTACIÓN DE CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS

anagrama PSDG-PSOE
O PSOE DE XINZO LEVA AO VINDEIRO PLENO, UNHA MOCIÓN SOBRE A IMPLANTACIÓN DE CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS

Ante a inminente chegada do inicio do curso escolar, o vindeiro mes de setembro, os e as socialistas de Xinzo, veñen de rexistrar, para o seu debate no Pleno do próximo luns, unha moción que insta ao Concello a adoptar as medidas axeitadas para que se implanten camiños escolares sostibles e seguros. O obxecto de dita moción é, por unha banda, reducir o número de atascos e atrancos no tráfico ás horas punta de entrada e saída dos centros escolares (tanto nos CEIP coma na escola infantil) como, por outra, garantir o fomento da autonomía persoal dos rapaces e rapazas de Xinzo mediante a implicación da comunidade educativa, das nais e pais e do propio Concello.

Cada día, tanto no CEIP Rosalía de Castro coma no Carlos Casares así coma na Escola infantil de Xinzo, hai ringleiras de vehículos agardando á saída dos rapaces e rapazas ou levándoos ás aulas. Estas ringleiras provocan, loxicamente, un atranco na circulación, a maiores do prexuízo medioambiental que supón un uso excesivo dos nosos coches. Ao igual que noutras localidades, onde as experiencias están a ser moi positivas, o PSOE de Xinzo quere que se implante unha rede de camiños escolares coma itinerarios seguros que poidan ser percorridos polos nenos e nesas nos seus traxectos de ida e volta aos centros educativos. O obxectivo primordial, non é só a redución no uso dos vehículos particulares e conquerir unha maior fluidez no tráfico, senón a mellora da autonomía persoal nos nosos fillos/as e netos/as.

Está, amplamente, demostrado que coa implantación dos camiños escolares seguros, devólveselle o dereito aos nenos e nenas á súa propia autonomía persoal e foméntase a educación en valores cidadáns, tales coma a responsabilidade, a mobilidade sostible e saudable, o compañeirismo, favorecendo que as rúas volten a ser un espazo de uso normal, seguro e acolledor. Nos derradeiros anos, tanto educadores, expertos coma nais e pais, coinciden na excesiva sobreprotección coa que estamos educando aos nosos pequenos e pequenas, impedindo que desenvolvan valores coma os que se mencionaron. Así mesmo, esta medida dos socialistas, pretende procurar a cooperación entre diferentes axentes sociais para que sexa posible, dende as ANPAS ata os propios rapaces e rapazas, os centros escolares, as nais e pais, as asociacións de veciños e comerciantes e, por suposto, a imprescindible colaboración do Concello de Xinzo.

Dende o PSOE de Xinzo, amósanse conscientes de que cada camiño escolar debe estar deseñado de xeito específico en función das características do centro escolar e dos seus horarios, polo que ven a imprescindible a colaboración de todos os axentes sociais e comunitarios implicados. Ven nesta iniciativa, así mesmo, a recuperación de hábitos saudables e a concienciación sobre o que supón este cambio de hábitos para a nosa sociedade. A idea está apoia polo éxito que está a ter noutros lugares de Europa e do Estado español, engaden.

Consideran, dende o grupo municipal socialista, que debe ser o propio Concello de Xinzo o que inicie o proxecto do camiño escolar seguro e que se dirixa aos rapaces e rapazas que poidan desprazarse con seguridade e autonomía e recuperen o desfrute das áreas públicas. O que se prantexa é que se poidan realizar varias rutas, para cada un dos centros escolares, de infantil e primaria, que se poden delimitar con cores diferentes dende varios puntos da vila; sempre contando cos estudos e informes que foren preciso realizar por parte do Concello.

Para conquerir este logro, os e as socialistas, propoñen ao Pleno da Corporación de Xinzo que o Concello adopte o acordo da proposta e se impliquen todas as concellarías implicadas, así coma, que se realicen informes técnicos, por parte da Policía Local e da Protección Civil, que sexan necesarios. Do mesmo xeito, queren acadar o compromiso común de fomentar a colaboración entre todos os axentes comunitarios implicados para que se poida lograr este avance tan positivo para o conxunto da comunidade escolar de Xinzo.