O PSOE de Xinzo sinala a mala xestión do Concello como a causa dos problemas do Conservatorio de música

Elvira Lama portavoz PSOE
O PSOE de Xinzo sinala a mala xestión do Concello como a causa dos problemas do Conservatorio de música

A infraestrutura musical ten falta de profesorado para inciar o novo curso

Os socialistas consideran que a imposibilidade de contratar mestres da man do Concello xunto coa falta de financiación allea ó consistorio, "fan que teña que ser a Deputación Provincial e a vontade de Baltar a que saque as castañas do lume ó concello de Xinzo", apuntan dende o PSOE.

Sinalan ó alcalde da cidade e a súa pésima xestión, din, que "non foi quen de pactar cos concellos de onde proceden os alumnos e alumnas do Conservatorio de Xinzo, unhas aportacións que axudarían a paliar os elevados custes desta oferta educativa e que os socialistas consideramos fundamental".

O grupo municipal socialista recolle estas reivindicacións nun comunicado no cal establecen que "as propostas de financiación a catro bandas concellos, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e pais, feitas pola portavoz e deputada provincial, Elvira Lama, mediante mocións , foron sempre votadas en contra polo partido popular". Apuntan que de novo o Concello deixa todo na man das subvencións da Deputación que segundo os socialistas, deste xeito, "ponse en risco a continuidade dos estudos de moitos alumnos e alumnas".