Unha publicación recompila os 30 anos da historia da Escola e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense

538
Unha publicación recompila os 30 anos da historia da Escola e da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense

O libro Escola e Real Banda de Gaitas 1985-2016

O libro Escola e Real Banda de Gaitas 1985-2016 recompila os 30 anos de historia deste centro formativo e agrupación musical da Deputación de Ourense, recollendo nesta publicacións os concertos e actuacións da banda, os recoñecementos, as xiras internacionais, as publicacións, a vestimenta e os instrumentos, un álbum fotográfico e unha memoria dos compoñentes da Real Banda desde 1986 ata 2017, entre outros aspectos.

A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o xornalista José Luís Blanco Campaña.

Rosendo Fernández dixo que esta obra é \“un tratado único da historia da Real Banda de Gaitas que constitúe a máxima expresión artística dos miles de alumnos que estudaron e estudan na Escola Provincial de Gaitas da Deputación, un meticuloso estudo das melodías e do instrumento, que os alumnos deben ir superando día a día\”.

Pola súa parte, Xosé Lois Foxo, quen agradeceu á Deputación \“a súa sensibilidade cos valores de Galicia\”, explicou que a pesar de ser complicado resumir nun libro o traballo da Escola, \“o labor máis importante foi educar aos nenos con base no pentagrama. Pasamos de ser unha provincia na que era necesario contratar gaiteiros de fóra, a ser unha provincia referente no mundo da gaita\”. A escola, no seu obxectivo de cultivar a historia da gaita, levou a cabo iniciativas máis aló do eido académico como a creación do Museo Internacional de Cornamusas, a posta en marcha da Xuntanza Internacional de Gaiteiros, a celebración da Liga Galega de Bandas de Gaitas e Certame Celtibérico, entre outras iniciativas que conforman un labor científico, explicou Foxo.

\“A Real Banda de Gaitas levou a nosa música por todo o mundo e sementou o orgullo de ser galegos, e conseguimos algo importante que é dignificar o concepto da gaita. Hoxe, a Real Banda de Gaitas é un referente a nivel universal\”, dixo Foxo, quen sinalou que este libro tamén pretende \“ser un recoñecemento a esas familias que levan aos nenos para que aprendan este instrumento, porque iso é poñer en valor a nosa historia\”.

Durante estas tres décadas, a Real Banda de Gaitas fixo máis de 5.000 actuacións e foi recoñecida con numerosos premios en diferentes países, levando á provincia de Ourense polo mundo.

José Luís Blanco fixo un repaso pola historia da Real Banda e da Escola Provincial de Gaitas, salientando que a Real Banda de Gaitas \“abrangue moito máis que un conxunto musical, supón un estudo de investigación, métodos novos de ensino e perfeccionamento, construción e recuperación de instrumentos, achegamento ao mundo da cornamusas, presenza ao máis alto nivel no mundo da gaita e, en suma, unha realidade que tiña como meta buscar novos vieiros para os novos gaiteiros galegos, os mellor preparados da historia\”.

A música durante o acto correu a cargo dunha representación da Real Banda de Gaitas, que interpretou \“Cantigas de Ourense\”.