Quellemoto festexa a súa maioría de idade ampliando local e servizos

quelle tenda
Quellemoto festexa a súa maioría de idade ampliando local e servizos

Antonio Quelle abriu o seu negocio en xaneiro de 1998 e agora 18 anos despois festexa o seu aniversario con moito traballo e ampliando servizos.

Quellemoto comezou a súa andaina na rúa Rosalía de Castro con catro bicicletas para vender e centrando o seu traballo en dar servizo técnico. Cando o negocio empezou a medrar, Antonio decidiu incrementar a súa exposición de artigos para vender e a cousa non lle foi mal. "En 2005 tiven que ampliar espazo e pasarme a un local de 500 metros e agora xa estou pensando en aumentalo", destaca.

O certo é que traballo non lles falta pois ademais da venda e das reparacións, en Quellemoto ofrecen outros servizos como o aluguer de maquinaria de xardín e forestal. Dende hai uns anos tamén fan cambios de neumáticos de vehículos, "comezamos a facerlle os recambios a amizades e clientes e agora a cousa funciona moi ben porque como sempre apostamos pola calidade e a rapidez", apunta Antonio.

Dende hai un tempo en Quellemoto tamén traballan con maquinaria de ximnasio vendendo artigos para establecementos de deporte de toda a provincia e dando tamén servizo de reparación.

quelle taller

Nestes 18 anos de vida Antonio destaca unha evolución do consumo da xente en tanto que "o sector da moto está caendo nos últimos anos aínda que está repuntando ulitmamente porque se merca moita moto de 125 como medio de transporte". Por outra banda fai fincapé no auxe do sector da bicicleta, "a bici está en apoxeo, cada día hai máis xente afeccionada a este deporte e eso notámolo nun aumento das vendas".

Mesmo a xente maior se está enganchando ó mundo do ciclismo, "veunos un señor duns 79 anos a mercar unha bici de doble suspensión destas de ir ó monte, pensabamos que sería para un neto pero cando nos dixo preparaima que a levo e marchou montado nela quedamos abraiados", lembra Antonio.

Moita da súa clientela repite e segundo destaca o xerente de Quellemoto, "débese a que traballamos con material de calidade, un dos nosos principais distribuidores é a marca BH e sobre todo tratamos de ofrecerlle ó noso cliente o mellor no menor tempo de espera posible".

Entre tantas horas de traballo sempre queda espazo para as anécdotas como a de un cliente que mercou unha moto e tardou case 6 anos en ir recollela.

Agora este empresario de Vilar de Santos celebra o aniversario do seu negocio polo que decidiu apostar hai 18 anos cando non atopaba traballo pese a contar coa formación e titulación precisas.