Despregue sobre o territorio da unidade de investigación de incendios forestais

220128_UIFO_3
Despregue sobre o territorio da unidade de investigación de incendios forestais

Diante das condicións meteorolóxicas reinantes e previstas e na véspera da prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares

A Xunta reforza o despregue sobre o territorio galego dos integrantes da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Este operativo está intensificando, de maneira especial, os seus labores de vixilancia e disuasión na véspera da prohibición das queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia, que entrará en vigor a partires das 00,00 horas de mañá sábado. O seu labor de vixilancia compleméntase ademais coas cámaras que cobren arredor do 70% do territorio galego.

220128_UIFO_2O traballo dos membros desta unidade tamén se orienta ao asesoramento e colaboración cos particulares para que procedan a realizar as queimas -mentres estean permitidas- coas debidas medidas de prevención e consonte ao establecido na normativa vixente sobre o particular. A decisión de reforzar a activación da UIFO tomouse por parte da Xunta diante das condicións meteorolóxicas reinantes e previstas nos vindeiros días, así como tras avaliar, en detalle, os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
Nesta mesma liña, o Goberno galego insiste en solicitar a colaboración cidadá para que se extremen as precaucións e se denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña coñecemento, para o que está dispoñible o número de teléfono, anónimo e gratuíto, 900 815 085. Ademais, a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Compre lembrar que a UIFO é unha unidade integrada por axentes ambientais, con dependencia directa do director xeral de Defensa do Monte e que están desvinculados das tarefas de extinción, polo que poden centrarse especificamente e con maior intensidade en tarefas de vixilancia, disuasión e investigación dos lumes. Tamén, grazas a esa dedicación en exclusiva, os seus membros poden focalizar o seu labor naquelas zonas do territorio que se consideren máis sensibles, especialmente en períodos nos que se incrementa o risco de lumes. Ademais, a UIFO coordínase e colabora coas Forzas e Corpos de seguridade do Estado nese traballo de loita contra os incendios forestais.