O resultado das obras de conservación e acondicionamento no Castelo da Pena deuse a coñecer nunha charla informativa

Momento da charla
O resultado das obras de conservación e acondicionamento no Castelo da Pena deuse a coñecer nunha charla informativa
Unha Torre que se converteu en Castelo no ano 2022

Hai un ano, no mes de novembro do 2021, a Xunta de Galicia iniciou as obras de conservación no Castelo da Pena. Unha vez que a intervención chegou ao seu fin e que o xacemento quedou habilitado para as visitas, é o momento de dar a coñecer o resultado dos traballos. Israel Picón, director da intervención, ofreceu unha conferencia na Casa da Cultura na que, acompañado da alcaldesa, Elvira Lama, deu conta das actuacións levadas a cabo e da importancia deste símbolo do patrimonio cultural de Xinzo de Limia. Recuperar a muralla exterior da Torre foi o principal obxectivo das obras.

Charla2
Isrrael Picón e Elvira Lama

O seu valor monumental e arquitectónico é enorme, polo que o goberno local estivo moi pendente dos traballos de recuperación que se executaron. A fase de escavación estendeuse durante catro meses e sacou á luz unha serie de construcións que confirman que se trataba dun Castelo de gran entidade. Cómpre lembrar que no mes de maio, a rexedora mantivo unha reunión con Patrimonio para solicitar que se prolongaran os traballos de escavación polo valor histórico dos elementos atopados.