Reunión do delegado da Xunta con alcaldes ourensáns "afectados" por parques eólicos

Alcaldes don proxectos eólicos nunha reunión co delegado da Xunta en Ourense
Reunión do delegado da Xunta con alcaldes ourensáns "afectados" por parques eólicos

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, xunto co delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo onte un encontro informativo con alcaldes e representantes de municipios ourensáns

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo hoxe un encontro con alcaldes e representantes de municipios da provincia de Ourense para informarlles sobre os parques eólicos en tramitación. Na xuntanza, na que participou tamén o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, Paula Uría trasladoulles o compromiso da Xunta coa transparencia e a cooperación entre administracións para lograr un desenvolvemento do sector eólico ordenado e sustentable.

Paula Uría subliñou que a Xunta ten claro que o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada, que permita achegar seguridade xurídica ao sector, ao mesmo tempo que dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural. E, con ese obxectivo, lembrou que a Administración autonómica decidiu establecer unha moratoria de ano e medio que acaba de entrar en vigor este mesmo mes, para poder tramitar coas máximas garantías os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa e que suman 7200MW.
Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, destacou que a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aparello, logrando así un menor impacto visual.


Paula Uría lembrou tamén que, dentro do obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas. Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que, antes de proceder á exposición pública dos proxectos, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar.

A Xunta defende en Ourense a transparencia e a cooperación institucional como garantes dun desenvolvemento eólico sustentable.

Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.

Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–