O sábado as 20:00 na Casa da Cultura

República de
O sábado as 20:00 na Casa da Cultura

O grupo ANDARAVIA TEATRO de Vedra representa a obra República de Gundián

"República de Gundián. Un sainete futurista" é un espectáculo escrito por Carlos Santiago e dirixido polo propio autor en colaboración con Pepe Penabade para o grupo de teatro Andaravía, da Asociación Cultural Papaventos de Vedra. A súa estrea vai ter lugar os días 1 e 2 de Xuño de 2013 no Centro Socio-Cultural da Terceira Idade da mesma vila.

O Argumento

No ano 2031, unha aldea situada nun recuncho do río Ulla desafía ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia.

España, unha ditadura constitucional desde a reforma administrativa do ano 23 inducida por sucesivas crises económicas, está gobernada por un único partido legal, o Partido Popular Obreiro Español (PPOE) baixo o liderado de Mario Conde Roa e o reinado borbónico de Froilán I. Xa non existen os concellos nin as autonomías, e as decimonónicas deputacións provinciais administran todo o territorio do estado.

Nunha asemblea no adro de Nosa Señora de Gundián os veciños e veciñas, vítimas dun conflito interprovincial, deciden pasar á acción e tras paralizar o tráfico en todos os pasos da parroquia -a ponte do Ave, a ponte vella do ferrocarril, o viaduto da Nacional 525 e a Ponte Ulla de toda a vida por onde pasa o Camiño de Santiago-, ameazan con proclamar a súa propia república veciñal independente. A crise e o espectáculo están servidos.