"Seguiremos montándonos nos tractores, seguiremos loitando"

"Seguiremos montándonos nos tractores, seguiremos loitando"
Un cento de manifestantes reuníronse hoxe baixo o lema: "Polo futuro do agro, prezos xustos!"

A tractorada saíu hoxe, sobre as 12:20 horas, da Delegación Territorial da Xunta ata a Subdelegación do Goberno en Ourense. A manifestación foi organizada por Unións Agrarias xunto coa Asociación de Pataqueiros da Limia, ADEGAL, FRUGA e o Sindicato Labrego.

Os agricultores e gandeiros están vendo como os custes de produción se disparan obrigando a vender a perdas as súas producións. Desde Unións Agrarias vese con especial preocupación a alza dos prezos do combustible.

Baixo o lema: "Polo futuro do agro, prezos xustos!" fixeron o percorrido enchendo de persoas e ruído as rúas. Visibilizar a súa situación, facerse ver, e reclamar actuacións urxentes. Entre estas actuacións di Amador Díaz: "queremos que se estableza un prezo fixo para os custos de gasóleo e non producir en perdas".

Tractorada ourense

A tractorada chegou á Subdelegación do Goberno onde se realizaron unhas lecturas sobre a situación agrogandeira da Limia, así como a súa importancia dentro de Ourense, e do sector dentro de Galicia.

Alí, xuntáronse arredor dun cento de manifestantes. Despois do discurso de Amador Díaz rematouse a xornada entre aplausos esperando ser escoitados. Daquela, quedan á espera de que se tomen accións sobre a situación de precariedade e inxustiza que están a vivir.