O Sergas actualiza o protocolo de visitas e acompañamentos dos centros sanitarios

O Sergas actualiza o protocolo de visitas e acompañamentos dos centros sanitarios

Todos os pacientes ingresados nos hospitais públicos, tanto en planta COVID como NON COVID poderán estar acompañados; a medida tamén se estende ás unidades de Urxencias

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar aos xerentes das sete áreas sanitarias de Galicia a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual da comunidade galega.

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos establecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais; estar en posesión do Certificado covid, ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Así mesmo, os acompañantes e as visitas de pacientes con infección por covid-19, deberán facer uso do equipamento EPI para coronavirus.

O protocolo recolle os criterios a cumprir polos acompañantes/visitas dos pacientes e usuarios en diferentes ámbitos, como son: as unidades de hospitalización convencional; as UCI; en Urxencias; nas consultas externas, no acceso aos hospitais de día e probas diagnósticas; e nos centros de atención primaria.

No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presencia dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados.

As visitas serán posible durante os horarios establecidos a tal efecto. Así mesmo, no caso dos acompañantes autorizados (non as visitas), o acompañamento realizarase por unha persoas, que pode alternar con outra, fixándose un número máximo de dúas persoas por paciente, que se alternarán durante a estancia. En calquera caso, soamente poderá permanecer na habitación unha persoa por paciente ingresado.

De tratarse de persoas con infección activa por covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual axeitado para o coronavirus, ademais de prohibirse os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro. Neste sentido, non se permitirá o acompañamento por aquelas persoas que teñan síntomas compatibles con covid-19 ou que estiveran en contacto cun caso positivo nos últimos 10 días. Preferiblemente, deberá ser un acompañante que non pertenza a un grupo de risco (maiores de 70 anos, persoas con patoloxías crónicas ou inmunocomprometidos).

O protocolo subliña que a familia do paciente recibirá información puntual e diaria da súa situación clínica.

Outras das novidades que recolle o protocolo, é que no caso de que un paciente empeore e non estea acompañado nese momento, o Sergas contactará por teléfono cos acompañantes autorizados para informar do cambio producido no seu estado de saúde.

Nas unidades de rehabilitación psiquiátrica e de hospitalización psiquiátrica, permitirase unha visita por paciente ao día, sendo necesario concertar unha cita previa no caso das unidades de hospitalización.

No que atinxe ás Unidades de Coidados Intensivos, desenvolverase o réxime de acompañamentos e visitas ordinario que posuía cada unidade previo inicio da pandemia. No caso de pacientes con infección activa por covid-19, as visitas poderán acceder co equipamento EPI axeitado para o coronavirus.

No referido a Urxencias, aqueles pacientes sen infección por covid-19, poderán estar acompañados por unha persoa en todo momento. Non obstante, no caso de pacientes con infección activa, este acompañamento estará limitado durante un tempo limitado durante o período de observación, debendo o acompañante acceder co equipo de protección individual preciso para o coronavirus; e tendo prohibido os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro.

En consultas externas, no acceso aos hospitais de día ou o acceso a probas diagnósticas permitirase un acompañante por paciente, preferentemente convivente, e preferiblemente vacinado (esixirase o certificado covid-19 en hospitais de día oncohematolóxicos e unidades de diálise), ademais de non ter sido contacto nos 10 días previos cun caso positivo, e que non presente síntomas compatibles coa covid-19.

Por último, no caso dos centros de atención primaria, permitirase un acompañante por paciente, sempre que o aforo total das instalacións asegure a distancia mínima interpersoal durante todo o tempo que dure o acto asistencial.

O novo protocolo conxuga o dereito de acompañamento dos pacientes ingresados con medidas que continúan a garantir a seguridade dos usuarios, dos visitantes e do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde.