Os socialistas din que a alcaldesa de Lobios "Fai oidos xordos"

david fernandez
Os socialistas din que a alcaldesa de Lobios "Fai oidos xordos"

O concelleiro socialista, David Fernández, critica a decisións e “non da creto” a que a resposta por parte do grupo de goberno do PP é que “a que non estea contenta, aí ten a porta”

O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia que a alcaldesa do Partido Popular de Lobios, María del Carmen Yáñez, “fai oídos xordos” ante as múltiples queixas que lle está a trasladar a veciñanza pola súa “decisión persoal” de cambiar o funcionamento da axuda no fogar, que a partir do vindeiro 3 de febreiro verá modificada as súas rutinas. Os socialistas critican que a alcaldesa “a golpe de decreto” provocará “un cambio de rutina” no día a día dos usuarios da axuda no fogar e demandan que “non se rote as traballadoras cada 6 meses” xa que modificará “as rutinas de xente maior e enferma, que precisa tranquilidade e seguir unha rutina sen variacións”.

david fernandezO concelleiro socialista, David Fernández, recolleu numerosas queixas por parte das traballadoras da axuda no fogar, e tamén de usuarios e usuarias do servizo, que se atopan en “pé de guerra, contra unha decisión persoal da alcaldesa” sinala Fernández quen tamén apunta e que “a pesar das numerosas queixas e o malestar amosado en reunións polos afectados e afectadas, ela fai oídos xordos”. Os socialistas tamén denuncian que “a alcaldesa non ten ningún informe dun especialista na área que respalde esta decisión” polo que afirman “que se trata dunha decisión tomada por persoas que carecen de ningún tipo de información na materia”.

Nunha recollida de firmas entre usuarios e usuarias do servizo de axuda no fogar, que atende en Lobios a 69 persoas, “tan só 4 persoas non firmaron o documento”, sinalan dende o Grupo Municipal Socialista, feito, que tal é como apuntan “amosa que a práctica totalidade dos usuarias e usuarios de axuda no fogar están desconformes con esta situación”, algo que tamén lle fixeron saber a alcaldesa de xeito persoal e telefonicamente.

Queixas que se suman as das traballadoras do servizo, que o pasado 16 de decembro, reuníronse coa alcaldesa do Partido Popular, “reunión na que non recibiron nin unha soa explicación sobre a decisión, nin ningunha xustificación pola medida”, explica David Fernández. Si recibirían resposta por parte do concelleiro de Persoal, Perfecto Rodríguez, “que lles dixo que a que non estivera contenta, aí tiña a porta”, afirma o concelleiro socialista, que tamén apunta que o grupo de goberno que encabeza María del Carmen Yáñez, “dirixe o Concello coma se fose seu e non como un organismo a servizo da veciñanza” e lémbralles que “están para atender e tratar a toda a veciñanza por igual e escoitar as súas reclamacións para solucionar os problemas”.

Unha situación, que afectará non só directamente os usuarios, que verán trastocado o seu día a día e tal e como contan as traballadoras “xa levan derramadas moitas bágoas o írselle a persoa a que estaban afeitas e confiaban”, senón tamén a familiares “que séntense na obriga de quedar un tempo na casa ata que o usuario ou usuaria se adapte a nova traballadora”, denuncia o PSdeG-PSOE en Lobios, que tamén destacan que “os cambios de rutinas e horarios as auxiliares dificulta o bo funcionamento do servizo, xa que a adaptación é clave na asistencia a persoas maiores e enfermas, que precisan uns coidados especiais e unha rutina diaria”.