Os Socialistas de Xinzo acusan ao goberno municipal de “falta de vontade”
Elvira Lama afirma que “é a falta de vontade política o que se agocha no rexeitamento da moción que pedía estas axudas para paliar os elevados custes dos libros e do material ao que teñen que facer fronte as familias de Xinzo”
Nota de prensa:
O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia acusa ao cogoberno municipal do Partido Popular e AXIL de “falta de vontade política”, tras rexeitar unha iniciativa socialista que pretendía impulsar axudas para libros de texto e material escolar na segunda etapa de educación infantil. Os e as socialistas acusan ao alcalde e o seu equipo de goberno de deixar “desprotexidas” as familias dos alumnos e alumnas de infantil que non perciben ningún tipo de axuda.

O voto en contra de PP e AXIL impediu que se destinasen recursos e se creasen unhas bases que tiñan como obxectivo axudar a sufragar parte do custe total dos libros e material escolar para o curso 2023-2024. Os e as socialistas teñen claro que os “criterios técnicos” aos que aludiu o goberno municipal “non son máis que unha forma de escudarse ante unha realidade, que supón o abandono das familias en situación de vulnerabilidade, que neste ano van ter que asumir integramente os custes do inicio escolar, poidan facelo ou non”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que “é a falta de vontade política o que se agocha no rexeitamento da moción do grupo socialista que pedía esta liña de axudas para paliar os elevados custes dos libros de texto e do material escolar ao que teñen que facer fronte as familias de Xinzo dos nenos e nenas da segunda etapa de educación infantil”. Neste senso, a edil socialista pon de manifesto que se trata de familias que “en moitos casos non son usuarias dos servizos sociais, pero para as que o seu nivel de reda familiar pon en serias dificultades para afrontar o inicio do curso escolar”.
Lama Fernández sinala que “estamos falando dunha cantidade perfectamente asumible por parte do concello, que non pasaría dos 3.000 euros e que sería suficiente para dar cobertura a moitas familias”. Unha axuda que en palabras da voceira socialista “non sería menor a que perciben o resto de estudantes
doutras etapas de primaria e secundaria por para da Xunta de Galicia” e puxo de exemplo que “poderían sacarse partidas, da mesma forma que se destinan a contratos de promoción da Feira de Alimagro nunha revista, cun custe de 11.800 euros”.
Os e as socialistas de Xinzo manifestan a súa “incredulidade” trala votación dunha iniciativa que “protexe” as familias do concello”. Consideran que a falla de “sensibilidade” do actual equipo de goberno provoca a “desprotección” nun momento “difícil” para moitas familias que asumen gastos de libros de texto, material, cotas de AMPAS, actividades extraescolares ou a conciliación familiar no servizo de madrugadores que teñen nos CEIPS a través das AMPAS.
Dende as propias librarías de Xinzo apúntase que os custes de libros e material están bastante por riba da media do estudo que fai a OCU e que indica un 200€ de media por alumno ou alumna.