OS SOCIALISTAS DE XINZO CONSIDERAN UNHA BOCHORNOSA IRRESPONSABILIDADE QUE O ALCALDE DO PP RECENTEMENTE CHEGADO MARCHE DE VACACIÓNS SEN AVISAR

pleno dia 8 (4)
OS SOCIALISTAS DE XINZO CONSIDERAN UNHA BOCHORNOSA IRRESPONSABILIDADE QUE O ALCALDE DO PP RECENTEMENTE CHEGADO MARCHE DE VACACIÓNS SEN AVISAR

Elvira Lama asegura que a viaxe de Cabas sen previo aviso “é unha provocación da que soubemos pola prensa” e destaca que “como pouco podería ter anunciado a súa marcha á corporación”

Os socialistas de Xinzo de Limia cualifican como unha bochornosa irresponsabilidade que o alcalde do PP recentemente chegado ó concello –o terceiro do mandato por culpa das incontables liortas internas deste partido– marchara de vacacións sen avisar, ós poucos días de tomar posesión do cargo. A portavoz municipal, Elvira Lama, asegura que a viaxe de Manuel Cabas sen previo aviso “é unha provocación da que soubemos unicamente pola prensa”. “Como pouco podería ter anunciado a súa marcha ós membros da corporación e non liscar sen avisar, cando está pendente de convocar o pleno ordinario do mes de agosto para tratar temas dos grupos que están pendentes, así como para facer a labor de fiscalización e control ó grupo de goberno local”, explica.

O pleno ordinario de Concello de Xinzo correspondente a agosto debería celebrarse este xoves día 30 de agosto por ser o último xoves do mes pero non hai convocatoria

Os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE pensan que “é unha irresponsabilidade manifesta ausentarse do concello sen explicacións ós poucos días da toma de posesión”, e recordan que con actitudes como esta “temos que escoitar cada vez máis a miúdo opinións negativas dalgúns veciños e veciñas ó afirmar que pouco lles importan os asuntos do concello porque nin é de Xinzo nin lle quere o pobo”.

Os plenos ordinarios deste concello teñen periodicidade bimensual e veñen celebrándose habitualmente nos meses de febreiro, abril, xuño, agosto, outubro e decembro, non sen antes convocar as correspondentes comisións informativas de cada unha das áreas, cos asuntos que deben ir logo na orde do día da sesión plenaria. Así pois, o pleno ordinario de agosto debería ter lugar este xoves día 30 de agosto por ser o último xoves do mes, tal como recolle o regulamento do concello, sen que exista convocatoria algunha polo de agora.