Os socialistas de Xinzo de Limia propoñen declarar o 24 de febreiro de cada ano, Día de Rosalía de Castro, neste concello ourensá. A iniciativa, que se debaterá e votará no vindeiro pleno municipal, insta á corporación a declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro; a emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra que impliquen ó conxunto dos veciños e veciñas e a realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado, na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.
A portavoz local do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, salienta o “papel clave que tivo a escritora no rexurdir das nosas letras”, polo que “a homenaxe é ben merecida”. “Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da literatura galega e a súa obra Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma”, recorda a portavoz antes de destacar que os seus escritos son “un fiel reflexo da sociedade galega”, e neles “reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e pensamento”.
Lama destaca a importancia da iniciativa para a “difusión do coñecemento da súa obra entre galegas e galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar”. Os socialistas recordan que na vila existe un centro educativo que leva o nome da escritora galega máis universal, “motivo mais que suficiente para que a obra de Rosalía de Castro sexa fonte de inspiración de coñecemento e divulgación durante todo o ano”. A portavoz defende que “adicar un día a súa memoria e a repasar e por en valor os seus escritos é a mellor homenaxe que lle podemos facer”. “Debemos fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”, conclúen desde o PSdeG-PSOE de Xinzo.