Solicitamos a paralización inmediata da poda das árbores da avenida de Celanova

219
Solicitamos a paralización inmediata da poda das árbores da avenida de Celanova

Na última semana o Concello de Xinzo de Limia está a desenvolver uns labores de poda no arborado da vila, empregando de xeito indiscriminado a desmoucha, una técnica que xa hai anos que se sabe que prexudica as árbores. Estes traballos están a facelos, por encarga do grupo de goberno municipal, os operarios da Deputación de Ourense agora, en plena primavera, cando as árbores están agromando, o que pode danar a planta ou incluso matala.

Cando vai facer un ano, o 13 de maio, do anuncio da Xunta de desistir cortar os plataneiros da Avenida de Celanova, observamos con estupor que deixar só o tronco é o único criterio de mantemento que os "expertos en arboricultura" deciden utilizar. Non nos consta que as árbores estean ocasionando ningún problema que mereza solución tan drástica, salvo que queiran traballar menos na limpeza das follas en outono. Hai diferentes métodos de poda menos agresivos para as pólas que se aproximan aos edificios e para clarear as copas e permitir o paso da luz ás vivendas, se fose o caso.

Falta de mantemento en todas as árbores de Xinzo e podas agresivas

A poda ten que ser diferente segundo a especie e as súas circunstancias e incluso inexistente, o segundo treito dos plataneiros da estrada de Celanova non a necesita. O concello non coida nin mantén as nosas árbores, ningunha. As regas son necesarias, principalmente cando a árbore está recen plantada, e en Xinzo non regan nin repoñen as plantas que se deterioran. O noso concello precisa un Plan Director de Conservación e Fomento das Arbores redactado por expertos e xestionado por un Consello Municipal de Medioambiente. Para a execución dos traballos ou ben se contratan empresas profesionais ou se forman operarios municipais.

Solicitamos unha reunión co alcalde de Xinzo

Por todo isto, a Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia acaba de solicitar ao alcalde de Xinzo a paralización da poda das árbores polo avanzado estado da estación e os danos irreversibles que poden provocar nas mesmas.

Ademais, esiximos unha reunión con expertos en arboricultura para poder acordar a mellor xestión dos espazos verdes, mesmo ofrecemos ao concello o asesoramento dos nosos expertos.

A axeitada xestión dos aspectos anteriormente enumerados reverterá na consecución dunha vila moito máis fermosa, agradable de vivir, segura e saudable, cun gasto moito menor para os orzamentos municipais.