STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA alerta sobre o cambio de enclave de 2 proxectos eólicos no Larouco

Pico do Castelo. Nos montes da Boullosa. Imaxe do EIA do PE San Martiño
STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA alerta sobre o cambio de enclave de 2 proxectos eólicos no Larouco

Nunha nova actualización do mapa eólico oficial, aparecen desprazados cara o leste, só 48 horas despois de rematar o prazo de alegacións contra a LAT do Larouco, infraestrutura en cuestión pola presión veciñal.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA advirte que empresas "pantalla", coa complicidade da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, están a introducir cambios en proxectos de instalación de centrais eólicas que permanecen agochados á cidadanía galega nunha área como a de Baltar/O Larouco onde existe alarma social debido as ameazas da invasión eólica en curso.

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA alerta de que só 48 horas despois de se pechar o prazo de alegacións á LAT do Larouco e de que a corporación enerxética Iberdrola anunciase que se sentará nunha mesa coas veciñas e veciños do concello de Baltar para falar sobre o tendido en tramitación que ameaza a serra e os seus usos e valores, no Rexistro Eólico de Galiza apareceron MODIFICADAS as localizacións dos proxectos de centrais eólicas MISTRAL e TRAMONTANA que até ese día figuraban superpostos ao P.E. San Martiño, na Boullosa, tamén en fase de información pública.

Parque eólico da serra de LaroucoOs novos enclaves destes polígonos eólicos, desprazados varios quilómetros cara o leste, sitúan os 8 aeroxeradores de TRAMONTANA sobre a cima do Larouco a continuación do polígono de 49 aeroxeradores que Iberdrola ten operativos na mesma serra desde hai vinte anos. Estes oito proxectados alcanzarían unha altura de 151 metros, case o dobre de alto dos actuais (que miden 83 metros).

QUEN ESTÁ DETRÁS DE FOUR WINDS INVESTCO?

E COMO PODE A XUNTA CONCEDER DEREITOS SOBRE DESENVOLVEMENTOS EÓLICOS A SOCIEDADES CUN CAPITAL SOCIAL DE SÓ 3.000 EUROS?

Ese novo deseño de TRAMONTANA, baixo a promoción dunha empresa denominada PE TRAMONTANA 4W SL, creada en outubro de 2019, cun capital de 3.000 euros e con sede social en Marbella, e que depende doutra sociedade, FOUR WINDS INVESTCO SL, constituída en xuño daquel mesmo ano.

A sociedade PE MISTRAL 4W SL, con sede en Cádiz, creouse o mesmo día e co mesmo capital que PE TRAMONTANA 4W SL, e ambas comparten directivos con FOUR WINDS INVESTCO SL. O tecido societario que está detrás destes 2 desenvolvementos eólicos que afectan o Larouco parece ligar (as compañías son opacas á opinión pública) Iberdrola con FOUR WINDS INVESTCO SL a través do PE VIVEIRO que Iberdrola levantou naquel concello lucense hai vinte anos.

O novo enclave de TRAMONTANA constitúe, na práctica, unha ampliación da central de Iberdrola no Larouco. A nova central aparece nunha área de aproveitamento eólico distinta, pero as áreas son lindeiras. É dicir, o Larouco sumaría oito máquinas máis ás corenta e nove actuais: 57. A central estaría en parte en terreos da CMVMC da Boullosa e, en parte, na CMVMC de Baltar.

Na área onde agora se proxecta a central, estivo instalada até o pasado mes de agosto unha antena de medición do vento.

Pola súa banda, a central eólica MISTRAL tamén foi desprazada cara o leste, ocupando agora os 7 aeroxeradores proxectados, das mesmas características que os da central xemelga, a área na que até a semana pasada se situaba TRAMONTANA. Con estes novos enclaves, o proxecto en tramitación da LAT do Xurés, de 27 quilómetros entre os montes da Boullosa e Mugueimes, ficaría invalidado sen que os comités da Reserva da Biosfera e do Parque Natural do Xurés se teñan manifestado ao respecto, tal e como pediu en agosto pasado (seguindo a iniciativa de Petón do Lobo) STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA.

O cambio de posición dos proxectos TRAMONTANA e MISTRAL obriga a revisar de novo os estudos de impacto ambiental das infraestruturas próximas, como o caso do PE SAN MARTIÑO e da LAT do LAROUCO, que hai apenas unhas semanas (días no caso da LAT) remataron a fase de alegacións.

STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA considera este movemento dos enclaves unha nova burla á cidadanía, un novo obstáculo para o exercicio dun dereito de participación pública que vemos que non existe, como xa denunciou o propio Consello da Cultura Galega, e unha xogada, pode que a través de actores interpostos ou empresas "pantalla", das grandes corporacións como Iberdrola que controlan o desenvolvemento eólico e elixen o territorio a espoliar con complicidades políticas desde os concellos até a alta administración e que só topan freo na mobilización popular.