Supervisan a construción dos 40 pozos para o regadío na Limia

Amador recibindo explicacións dos técnicos xunto ao Conselleiro de Medio Rural
Supervisan a construción dos 40 pozos para o regadío na Limia

O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural supervisaron esta mañá as obras. A Xunta avanza nos traballos de construción de novos pozos.

A Xunta segue traballando na mellora e modernización do regadío da Limia, coa perforación dos 40 novos pozos que completarán así a rede de pozos desta bisbarra ourensá. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou esta mañá as obras de tres pozos e avanzou que o orzamento total que se vai investir neles ascende a case 6 millóns de euros, contando as obras de bombeo e electrificación dos pozos.

Precisamente, dos tres pozos que hoxe supervisou o conselleiro, un deles xa está finalizado, outro está en perforación e, no terceiro, están a comezar cos traballos relativos ao ensaio dos bombeos e ao seu control hidrolóxico para o correcto dimensionamento dos grupos de bombeo. Desta maneira, engadiu, obterase o caudal exacto de cada pozo, o que resulta fundamental para deseñar a futura rede de regadíos.

221104 MR pozos Limia_03
pozos Limia

De feito, José González indicou que na actualidade están dúas perforadoras con equipos completos e que se prevé rematar a perforación dos pozos nestes días. Paralelamente, engadiu, estanse a realizar os traballos de acondicionamento dos terreos onde se emprazan os pozos e prevese que a finais de febreiro estean os 40 pozos aforados, é dicir, co caudal exacto determinado para cada un dos pozos.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que estas obras foron necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e as catro comunidades de regantes beneficiarias (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes.

Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse tamén aos outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

A este montante, subliñou o conselleiro, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta para a reparación de camiños desta bisbarra -en colaboración coa Deputación de Ourense-. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Neste senso, José González puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, aínda que o dirixente galego solicitou máis esforzo por parte do Goberno central para que a modernización do regadío estea á altura da bisbarra. Un sector, dixo, ao que lle agradeceu a súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e que gracias a eses fondos -conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte da Administración galega- se logrará un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.

Por último, o conselleiro de Medio Rural e a directora xeral aproveitaron para visitar as instalacións da oficina de información do regadío da Limia, situada no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A través desta oficina, infórmase a todos os interesados sobre os avances na mellora e modernización do regadío.