Talleres de calceta e de memoria de balde entre as actividades que organiza a Cruz Vermella na Limia

cruz vermella
Talleres de calceta e de memoria de balde entre as actividades que organiza a Cruz Vermella na Limia

As tarefas están dirixidas a maiores de 65 anos

Un ano máis a Cruz Vermella organiza unha serie de actividades para que os máis maiores estean activos e aprendan novos coñecementos. A partir deste mes de outubro arrancan cinco talleres dirixidos a maiores de 65 anos e para os que aínda quedan prazas para anotarse. Un deles, o de maior éxito, é o de calceta e ganchillo que ten lugar os luns de 16h a 18h na delegación da Cruz Vermella de Xinzo, na parada de autobuses. No Centro Social de Xinzo lévase a cabo o taller de animación e memoria, todos os xoves de 17,30h a 19h. cruz vermella

Para que os máis maiores estean en forma, está o taller de paseos saudables para o que se está xuntando un grupo de xente co fin de configurar o horario da actividade que se fará os mércores. En Morgade ten lugar o taller de pintura os xoves de 16h a 17.30h e hai un quinto taller, o de manexo de móbiles que está pendente de porse en marcha. Tamén teñen en mente desenvolver un taller de repostería.

Unha oferta lúdica e de balde para os máis maiores e que non sería posible sen a axuda dos voluntarios. Eles son os encargados de impartir os talleres. Ademais destas actividades, levan a cabo os proxectos prioritarios na Cruz Vermella da Limia que son a teleasistencia e a axuda a domicilio complementaria. Os voluntarios colaboran acompañando á xente maior ó médico, axudándoos con xestións cotiás como acudir ó banco ou mesmo facer a compra na tenda.

A institución conta con máis de 50 voluntarios na zona. Calquera que queira formar parte deste proxecto humanitario pode achegarse á sede da Cruz Vermella de Xinzo, no número 19 da parada de autobuses ou chamar ó 988 462 541. Tan só deberán cubrir unha ficha e acudir unha mañá a unha clase de formación. Neste mesmo enderezo é onde se poden anotar as persoas maiores de 65 anos que queiran participar en calquera dos talleres que comezan neste mes.