O Teatro Principal de Ourense xa ten programa para a segunda metade do ano

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participa na presentación da programación do segundo semestre do 2022 do Teatro Principal. Acompañado polo director do Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
O Teatro Principal de Ourense xa ten programa para a segunda metade do ano
Destacan unha trintena de producións escénicas, musicais, de danza, poesía e cinema

Do 8 de setembro ao 29 de decembro próximos o Teatro Principal de Ourense ofrecerá máis dunha trintena de producións escénicas, concertos de música, espectáculos de danza, recitais de poesía e cinema.

A programación de actividades do Principal para a segunda metade do ano, foi presentada esta mañá nun acto no que participaron o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora do teatro, Olga Mojón.

O Teatro Principal “é unha infraestructura cultural de luxo, toda unha referencia na provincia de Ourense”, destacou César Fernández na presentación do programa, agradecendo a colaboración institucional, a través da Xunta de Galicia, así como á dirección e ao persoal do teatro un labor que se traduce “nunha oferta de calidade e máximo nivel”.

O vicepresidente segundo da Deputación adiantou que o goberno provincial está a traballar nun novo proxecto cultural en colaboración co Cineclube Padre Feijoo, para que no Principal se poidan programar proxeccións de películas cunha periodicidade semanal “como unha actividade máis que incorporaremos á programación do teatro”.

Jacobo Sutil destacou pola súa banda “a calidade do teatro galego” que poderá ver o público ourensán nos próximos meses. A participación da Axencia Galega das Industrias Culturais na programación do Principal, sinalou, enmárcase na Rede Galega de Teatros e Auditorios, “o circuíto de distribución de artes escénicas e música de carácter profesional máis importante de Galicia, con 201 funcións programadas nos 37 concellos que integran esta rede, con 1,8 millóns de euros, financiados ao 50 % entre a Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras, e que ten entre os seus principais socios ao teatro ourensán”.

Poesía para iniciar a programación

Olga Mojón foi a encargada de dar conta do detalle da programación. Unha nova tempada que comeza o día 8 de setembro co III Festival de Poesía e a obra Imos ter máis que palabras. Do 16 ao 18 porase en escena Contos Arraianos de Sarabela Teatro, e o día 22 regresa a Ourense Una noche sin luna, galardoada con catro premios Max e que xa estivo no Teatro Principal pero con aforo moi reducido pola pandemia. Pecha a programación deste mes o Festival de Cine de Ourense, que principia o día 23.

En outubro está previsto o Festival Blues Teatro Principal (días 7 e 8), a edición número 15 do Festival Internacional de Teatro de Ourense (13-23) e tamén regresa a programación familiar coa produción musical Pequeclassics (16). O día 21 chega a escena El beso de la mujer araña, e remata o mes con Malnacido, no marco das Xornadas Romasanta da Función Vicente Risco.

Música clásica en novembro

Xa en novembro, a programación comeza o día 4 coa obra Villa e marte, para dar paso á música o día 5 coa Real Filharmonía de Galicia; o día 6 volve a música para toda a familia con Pequeclassics; chegará despois a quenda do anunciado ciclo do Cineclube Padre Feijoo (9, 16 e 30); segue despois a obra Morte accidental dun anarquista (13); e volve a música o día 17 coa Orquesta Sinfónica de Galicia.

O Principal acollerá o día 19 o espectáculo de danza e teatro El perdón; continuará cunha nova cita familiar con Tarzán (20); un ciclo sobre novas músicas emerxentes (24 e 25); e para finalizar o mes a obra Decadencia (26)

Decembro empeza coa produción Doble o nada (2 e 3); a obra Silencio (10), unha das grandes producións teatrais deste ano dirixida por Juan Mayorga, premio Princesa de Asturias das Letras 2022; Continente María (11), que redescubre a extraordinaria figura da actriz María Casares; haberá tamén espazo para o canto con The Harlem Gospel Choir (16); Los dioses y Dios (17), outra importante produción do ano de Rafael Álvarez El Brujo; un concerto do pianista portugués António Oliveira (18); e máis música coa Xoven Orquestra Nacional de Ucraína (21). Neste tramo final do ano chegará o día 23 ao Principal o espectáculo circense Galtük, un sueño de Navidad; a obra Voa Voa (27); a produción infantil A nena que vivía nunha caixa de mistos (28); e por último Nina Ninette (29).

A programación ampliarase con máis actividades que organizará a propia Deputación, así como outros colectivos e entidades, mentres que a venda de abonos para esta segunda metade do ano comeza o día 20, e prolongarase ata o 8 de setembro.

Toda a información en detalle sobre cada un dos espectáculos e a compra de abonos está dispoñible na web teatroprincipalourense.com