viernes 3/12/21

A Torre de Pena e a Serra do Larouco entre as moitas vistas que entran no Catálogo das Paisaxes de Galicia

Así o decidiron os limiaos que asistiron ó taller Somos Paisaxe

paisaxe

    O mosteiro de Trandeiras e as súas carballeiras, a veiga de Rairiz de Veiga e a de Trasmiras, as areeiras de Sandiás, a Torre de Pena, a Serra do Larouco, o río Limia, o cultivo da pataca e o cereal... e así unha longa lista de paisaxes da Limia que forman parte xa do Catálogo das Paisaxes de Galicia. Así o decidiron os asistentes ó taller que se celebrou na tarde do mércores na Casa da Cultura enmarcado na inciativa Somos Paisaxe. Os participantes escolleron estes lugares por considerar que son zonas que merecen ser protexidas e que teñen calidade paisaxística.

Tamén elixiron aqueles puntos considerados áreas degradadas co fin de sinalar esas zonas para frear o seu deteriorio. Aquí entraron zonas como a multitude de montes da contorna nos que se plantou eucaliptos e que, segundo algúns dos asistentes, provoca a perda de variedade ecolóxica. Outro dos puntos negros anotado foi a falta de limpeza no río Limia, entre outros.

Calquera pode participar dende a súa casa nesta iniciativa. Tan só teñen que entrar en Somos Paisaxe e pinchar en portal do catálogo. Unha vez que se rexistren xa poden formar parte do deseño do Catálogo de Paisaxes de Galicia anotando aquelas zonas de especial riqueza paisaxística, non só da Limia senón de toda comunidade.

Entre os participantes nesta iniciativa, vanse sortear estancias en casas rurais de calquera punto de Galicia. O prazo para participar neste proxecto remata o vindeiro 5 de novembro.

Comentarios