Un total de 25 alumnos agardan a resposta da Deputación para recuperar a praza no Conservatorio de Xinzo

CONSERVATORIO
Un total de 25 alumnos agardan a resposta da Deputación para recuperar a praza no Conservatorio de Xinzo

Mañá despexarase a dúbida do futuro académico destes rapaces

Os pais e nais dos alumnos afectados acudiron a unha xuntanza co vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández, que se produciu esta mañá. Sobre a mesa expuxeron o seu disgusto polo feito de que 25 alumnos queden fóra do curso académico no Conservatorio de música por falta de profesorado. A reunión rematou co apoio da Deputación ó problema pero sen unha solución firme. Mañá recibiran novas da decisión que se tome dende o ente provincial.

Entre tanto, o prazo de matrícula rematou no día de hoxe e os alumnos e os seus familiares están preocupados. Eva Márquez, presidenta da Asociación de Pais de Alumnos do centro musical, sinala que o problema foi a falta de previsión do Concello de Xinzo, "a ordenanza municipal emitiuse en agosto, os listados de alumnos non se publicaron ata o 30 de setembro, se este problema nos colle en maio aínda estabamos a tempo de solucionalo" , apunta a presidenta. Eva Márquez mantén que ela e máis pais entrevistáronse co Concello de Verín e de Allariz e que non se negaron a establecer unha relación de colaboración para manter o Conservatorio pero entablando unhas negociacións a tempo e non de última hora, resalta.

O feito de que 25 alumnos queden sen praza supón un atranco nas súas carreiras musicais e perda de cartos invertidos tanto en instrumentos e matrículas como en viaxes se proceden doutros concellos. Dáse o caso de rapaces que levan seis anos estudando no Conservatorio e agora por quedar fóra do curso teñen que interrumpir a súa formación. Se nun futuro se anotan noutro centro musical, non terían matrícula para trasladar e veríanse na obriga de repetir curso.

A presidenta da ANPA do centro lamenta que outro ano máis o curso comece con problemas, " díxenlle ó alcalde e ó concelleiro de Cultura que estamos para buscar solucións e colaborar pero como os alumnos queden fóra vannos ter en fronte, non ó lado".

O martes despexarase a dúbida sobre o futuro académico destes alumnos cando a Deputación emita unha resposta.