UN TOTAL DE 5 EMPRESAS PRESENTAN OFERTAS PARA O ARRANXO DA ESTRADA DE XINZO-CELANOVA-CORTEGADA

Estrada Xinzo-Cortegada
UN TOTAL DE 5 EMPRESAS PRESENTAN OFERTAS PARA O ARRANXO DA ESTRADA DE XINZO-CELANOVA-CORTEGADA

A Xunta prevé iniciar as actuacións no verán e rematalas neste mesmo ano

Un total de 5 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme na totalidade da estrada OU-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

A Xunta prevé iniciar as actuacións de mellora no verán para telas rematadas neste mesmo ano.

O obxectivo da actuación é o acondicionamento da capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Para rehabilitar o firme nesta vía autonómica levaranse a cabo traballos de fresado e o posterior estendido de mestura bituminosa en quente.

Tamén se realizará a limpeza de cunetas e salvacunetas, o reperfilado de noiros e a execución de cunetas de seguridade revestidas.

Ademais repoñeranse as marcas viarias afectadas polos traballos de reparación do firme e melloraranse os pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas retrorreflectantes.

O Goberno galego continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.