Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países proxectaranse na II edición do FIC Vía XIV Verín

Presentación FIC VIA XIV
Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países proxectaranse na II edición do FIC Vía XIV Verín

O certame foi presentado hoxe ante os medios de comunicación polo seu director, Carlos Montero; o alcalde da vila, Gerardo Seoane e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza.

Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países van ser proxectadas na II edición do FIC Vía XIV de Verín, que dará comezo este venres e se prolongará ata o vindeiro 10 de decembro. O certame experimenta así un salto cualitativo en relación ao ano pasado, cando se exhibiron 39 curtas de cinco países diferentes. \“Un dos cambios fundamentais deste ano radica na internacionalización do Festival\”, puxo en valor ante os medios de comunicación esta mañá Carlos Montero, director do certame.

Algunhas das pezas que se emitirán ao abeiro das diferentes categorías establecidas no marco do FIC Vía XIV estréanse por vez primeira en España.

Das 57 curtametraxes que se poderán ver en Verín no marco do FIC Vía XIV, un total de 54 preséntanse a concurso e tres serán exhibidas nunha categoría de visionado especial, entre elas o proxecto ourensán O Boteiro, resultado dun obradoiro de Cinemart realizado por profesionais do audiovisual no Concello de Viana do Bolo. A programación inclúe curtas premiadas recentemente en foros de renome como é o caso de La Bouche, que hai dous días recibiu o Premio Principado de Asturias á Mellor Curta no Festival de Xixón e algunhas outras que serán estreadas a nivel galego en Verín como A Gentle Night, premiada coa Palma de Ouro no último Festival de Cannes ou Hedegehog´s Home, Mención Especial en Berlín.

Ademais, algunhas das pezas que se emitirán ao abeiro das diferentes categorías establecidas no marco do FIC Vía XIV estréanse por vez primeira en España. É o caso de La Voz Perdida, Premio Orizzonti na Bienal de Venecia ou Why is difficult to make films in Kurdistan, Premio Spautores en Doclisboa. O FIC Vía XIV incluso ten programada unha estrea mundial, a da curta Fragment Wall, do videoartista Jacques Perconte.

Cartel_FIC VIA XIV_2017

Diversas categorías

Tal e como explicou no acto de presentación, Carlos Montero, "os eixos singulares e diferenciadores da primeira edición do Festival seguen presentes este ano". Neste sentido, apuntou que o FIC Vía XIV "xirará arredor das mesmas temáticas Entroido, Fronteira e Emigración, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés".

"Se ben –engadiu- percatámonos de que era necesario reorganizar as categorías posto que as de Emigración e Fronteira se solapaban en certa medida. Así nace a categoría Horizontes como representación simbólica desa liña imaxinaria e invisible, lonxana e inalcanzable e metáfora das migracións". Esta sección, ao abeiro da cal se proxectarán 10 curtas, aborda temas tan sensibles como os conflitos armados ou as migracións forzosas.

A sección dedicada ao entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recollerá 12 obras que exploran os ritos de máscaras en diversos lugares do mundo.

Por outra banda, a sección dedicada ao entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recollerá 12 obras que exploran os ritos de máscaras en diversos lugares do mundo. Esta sección engloba as pezas máis libres do festival, en moitas das cales a experimentación formal e narrativa constitúe o centro mesmo da película

Xunto a isto, e dada a singularidade do territorio do Val do Támega, non podía faltar unha categoría galego-portuguesa denominada A Raia. Nela poderase ver unha selección de 17 curtas de cineastas de Galicia e de Portugal.

Paralelamente, tal e como apuntou Montero, o FIC Vía XIV decidiu crear a maiores \“unha categoría denominada Nova para dar a posibilidade de concursar a diferentes pezas que non tiñan cabida nas categorías temáticas establecidas, que recollerá filmes contemporáneos, cinema de autor e obras que non se rexen por formatos industriais comerciais\”. No marco desta categoría proxectaranse 15 curtas.

Unha marca "Verín" que pivote arredor da cultura

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, sinalou durante a súa intervención que un dos obxectivos fundamentais deste festival é potenciar a axenda cultura do Concello, que desde 2015 deu un xiro de 180 graos. "A nosa intención é contribuír a crear unha marca Verín que pivote arredor da cultura como valor diferenciador", dixo Seoane.

Ademais da programación oficial a concurso, o FIC Vía XIV prevé a posta en marcha dunha ducia de actividades paralelas como retrospectivas e ciclos de cine

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, afirmou durante a presentación do certame que \“a xente de Verín alberga unha imaxinación de extraordinaria fertilidade. Somos un pobo creativo e amante das artes. Non temos máis que observar a intensidade cultural da vila, o amor pola escena das nosas compañías de teatro afeccionado e a querencia pola interpretación músical de todos os tipos e entre todas as idades.

Actividades paralelas

Ademais da programación oficial a concurso, o FIC Vía XIV prevé a posta en marcha dunha ducia de actividades paralelas como retrospectivas e ciclos de cine (da Nouvelle Vague ou do Mestrado en Teoría e Práctica do Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros); obradoiros prácticos, como o que estará a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, co obxectivo de que cada participante poida realizar a súa propia curta co seu teléfono móbil; vermouths-coloquio con representantes das asociacións CREA ou AGAG ou actividades adaptadas ao público infantil, entre outras.

Para ver o programa completo prema aquí