A torre leva séculos erguéndose na cima do monte de Pena e agora precisa dunha rehabilitación urxente. Por este motivo o concello de Xinzo de Limia co apoio da Xunta, pon en marcha un plan de remodelación.
Os primeiros traballos consisten na limpeza perimetral das murallas e na realización de catas arqueolóxicas. Para esta primeira fase do proxecto a Xunta aporta 30.000 euros. Dentro deste orzamento tamén se inclúen os labores de consolidación da muralla do Castelo para o que será preciso montar e desmontar cada unha das pezas conservando o material e as técnicas orixinais.
A segunda fase comprende a reconstrución da porta de entrada ó monumento que desapareceu. O concelleiro de cultura de Xinzo, Carlos Gómez, sinala que esta actuación axudará a dotar de seguridade á fortaleza ante posibles agresións.
Tamén se construirá unha escaleira exterior e outras interiores para acceder á torre por dentro e facilitar a comunicación entre os tres pisos. O obxectivo é apoiar a conservación da torre e fomentar o turismo na zona.
Os traballos rematarán cunha limpeza xeral do recinto e o acondicionamento dos accesos.
Todas estas actuacións suporán un custo de 130.000 euros que aporta a Xunta de Galicia.