Tráfico intensificará a próxima semana a vixilancia sobre o uso do cinto e os sistemas de retención infantil

82
Tráfico intensificará a próxima semana a vixilancia sobre o uso do cinto e os sistemas de retención infantil

O uso do cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente

A inadecuada utilización dos sistemas de retención infantil quintuplica as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns día 12 unha campaña intensiva para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación de campañas especiais de vixilancia previstas pola DXT para este ano co ánimo de mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios das vías sobre a importancia de manter comportamentos máis seguros.

Durante unha semana, ata o domingo día 18 incluído, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Comprobarán, de igual modo, que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.

81

O uso de sistemas de retención homologados veuse evidenciando como o sistema de seguridade viaria máis sinxelo e rendible en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz.

O cinto de seguridade é un seguro de vida. Non hai que esquecerse del e levalo sempre abrochado, tanto na estrada como en cidade. A DXT estima que o seu uso reduce á metade o risco de morte en caso de accidente.

No caso dos sistemas de retención infantil, a DXT lembra que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves. Neste sentido, un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Seguridade Viaria 2011-2020 é ?lograr que ningún neno perda a vida por non ir correctamente sentado nunha cadeira adecuada para o seu peso e talla.

Nos últimos anos observouse en España unha tendencia estable do 25% de vítimas mortais en accidente de tráfico que non usaban o cinto ou sistema de retención infantil.

CAMPAÑA ANTERIOR EN GALICIA

Na campaña específica de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil desenvolvida do 7 ao 13 de setembro de 2015, en Galicia controláronse 26.892 vehículos e formuláronse 203 denuncias.

Vehículos A Coruña LUGO OURENSE PONTEVEDRA TOTAL

Controlados 5.768 6.318 5.783 9.023 26.892

Denunciados 38 45 47 73 203