As últimas tendencias en videoxogos e eSports, na “Ourense ICC Week” 2018

143
As últimas tendencias en videoxogos e eSports, na “Ourense ICC Week” 2018

ICC Gamers, un novo apartado dentro da programación desta cuarta edición do marco das industrias culturais e creativas de Ourense inclúe a “ICC Technium R Encounter” e “ICC eSports”

A cuarta edición da “Ourense ICC Week”, que organiza a Deputación de Ourense, ultima os preparativos engadindo á programación prevista do 2 ao 5 de maio, un novo apartado, a “ICC Gamers”, que inclúe dúas actividades: a “ICC Technium R Encounter” e a “ICC eSports”. Trátase dun novo evento que xirará arredor do fenómeno dos videoxogos e competicións de e-sports. “ICC Gamers” é froito da colaboración entre a Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo, R euskaltel, a Federación Galega de Automobilismo e Mahou.

A “ICC Technium R Encounter” comezará o día 3 de maio ás 18.00 horas e rematará o día 6 de maio a mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. O pre-rexistro dará comezo o día 28 de marzo e a inscrición á party será o día 30 de marzo, sendo a elección de sitios o día 7 de abril. A entrada ten un custe de 25 euros que inclúe unha inscrición gratuíta aos torneos da “ICC Technium R Encounter” e acceso a todo o recinto e ás actividades da party. Tanto o rexistro como a inscrición poderá realizarse a través da web technium.es.

Este ano a “ICC Technium R Encounter” contará con catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl, que se celebrarán ó longo da party, que dará comezo o día 4 de maio ás 22.00 horas ata o día 6 de maio ás 16.00 horas. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

Na pasada edición do encontro de ocio dixital “ICC Technium”, o moañés Aarón González Santomé, acadou un novo récord Guinness do xogo Final Fantasy 10, tras permanecer 40 horas consecutivas competindo

ICC eSports

Este apartado de xogos completarase coa “ICC eSports” que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o día 5 de maio ás 10:00 horas ata o día 6 de maio ás 15:00 horas. Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos poderá adquirirse nas vindeiras semanas en Ticketea, á cal poderá accederse a través de technium.es. Neles poderán participar xente de fóra da “ICC Technium R Encounter”, así como as persoas da propia party.

O torneo de Clash Royale dividirase en dúas modalidades: unha delas será, o torneo Profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel nacional como Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics, e no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, ten un custe de entrada de 5 euros e os premios serán para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo clasificado un mando de PlayStation 4, e para o terceiro clasificado unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas, e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro.

TIC, humor, música e galardóns

Este novo adianto de programación da “Ourense ICC Week” 2018 vén a completar as propostas presentadas ata o momento que aglutinan: novas tecnoloxías, humor, músico e incluso premios para xestores culturais de Galicia. En concreto, no que se refire aos novos sectores emerxentes e ás TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o venres, 4 de maio, as “mulleres tech” serán as protagonistas da xornada “Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento” e, ese mesmo día, o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, falará das novas sobre o futuro dos contidos, os guións e a dirección, achegando as vivencias do sector da man da directora e guionista, Gracia Querejeta, un referente no sector audiovisual.

Das novas tecnoloxías saltamos a unha nova temática, a do humor como industria cultural e creativa, entorno á cal se desenvolverá unha mesa redonda baixo o título “Humor e creatividade, a parella perfecta” que se completará cun espectáculo de comedia a cargo de “Pantomima Full”, o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.

De novo, a música ocupará un lugar protagonista na programación desta cuarta edición coa “ICC Music” 2018, na que actuarán Mikel Erentxun e a banda musical Morgan, completándose coa sesión “ICC Show Vermú” na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ.

Por último, outra das novidades deste ano será a entrega da primeira edición do premio “Rodolfo Prada Chamochín”, un galardón instaurado pola Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia, durante a celebración da Semana das Industrias Culturais e Creativas.