Belén Pozo sufriu en primeira persoa o mal funcionamento da Sanidade na provincia. A súa nai foi ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense en agosto, por unha Embolia pulmonar. Estando alí, diagnosticáronlle un cancro en fase terminal. O cabo dunha semana voltan para a casa e a nai de Belén sufre un ictus. Tras pasar uns días ingresada, a paciente regresa a casa co lado dereito paralizado e totalmente dependente. A familia da enferma pide rehabilitación pero o feito de ter que coller unha ambulancia e ir tódolos días a Ourense é un risco moi grande para a súa débil saúde. Belén entón solicita que un fisioterapeuta vaia a casa para darlles unhas explicacións e uns exercicios para facer coa súa nai pero dinlle que ese servizo non existe.
Logo de pasar uns días na casa, a enferma empeora e chaman o 061. O médico que a atende amósase sorprendido pola situación pois alguén se tiña que facer cargo da paciente. Días despois, acuden á consulta de coidados paliativos e cando Belén pregunta polas unidades móbiles de coidados paliativos infórmanlle que na Limia non existe tal, tan só hai en Ourense, Carballiño e Ribadavia. "Aí foi cando me din conta de que a Sanidade non é igual nin universal", sinala Belén Pozo que mantén que "non é lóxico é que haxa unha unidade móbil de paliativos ó lado do Hospital de Ourense e non exista unha a 50km".
A lei 5/2015 do 26 de xuño publicada no DOG, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais establece que "o Sistema de saúde galego, respectando o dereito da persoas a decidir onde quere vivir a súa última etapa, garantirá que, tanto no seu domicilio coma nun centro sociosanitario ou centro hospitalario, reciba unha atención sanitaria de calidade en relación cos coidados sanitarios ó final da vida". A nai de Belén falece en setembro sen contar coas garantías recollidas en dita lei de ter unha calidade de vida nos seus últimos días.
Agora Belén loita para facer xustiza e conta co apoio do grupo Xinzo Adiante que na mañá do venres presentou unha moción ó Plenario do Concello para solicitar que a Consellería de Sanidade poña en funcionamento unha unidade de coidados paliativos na Limia, e garantir unha atención axeitada ós doentes, tanto ambulatoria como domiciliaria.
Así mesmo, Belén quere deixar constancia que a labor dos sanitarios foi extraordinaria en todo momento, pero que o fallo está na xestión da Sanidade Pública en Galicia.