Unha veciña de Xinzo recorre ó Valedor do Pobo para pedir axuda logo de que lle suspenderan unha cirurxía por falta de persoal sanitario

HV
Unha veciña de Xinzo recorre ó Valedor do Pobo para pedir axuda logo de que lle suspenderan unha cirurxía por falta de persoal sanitario

Cando a paciente estaba en quirófano déronlle a nova de que non podían operala

Os feitos ocorreron o 9 de agosto cando esta muller de Xinzo ingresou no Hospital Comarcal de Verín para ser operada ó día seguinte. Arredor das 6h da mañá do 10 de agosto, o persoal sanitario acode a despertala para preparala e trasladala á área cirúrxica. Cando levaba xa unha hora en quirófano, achégase o doutor para comunicarlle que a operación non se vai poder efectuar porque falta o anestesista, xa que este levaba 72h horas seguidas traballando e agora non había unha persoa que o substituíra. Así se lle comunicou á paciente e así se recolle no informe de alta que emitiu ese mesmo día o hospital.

Tras recibir esta mala nova, a muller pon unha reclamación ese mesmo día facendo constar o malestar causado, pois levaba agardando dende decembro de 2014 para operarse e tivo que pedir os días no traballo, solicitando ser intervida no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Co paso do tempo e ó ver que ninguén atendía as súas reclamacións, decide enviar unha carta á Sra. Xerente da Area de Xestión Integrada de Ourense, unha misiva con rexistro de entrada e que a día de hoxe aínda non ten resposta. Para seguir coa súa loita, acode o 1 de setembro ó servizo de Traumatoloxia do CHUO solicitando falar co xefe da unidade quen lle comunica que sigue en lista de espera e que pode que en outubro a operen.

A día de hoxe non ten noticias de si a van operar nin cando. Ante a desesperación decidiu acudir ó Valedor do Pobo para denunciar a situación da sanidade en Ourense, pois o seu non é o único caso na provincia, e ó tempo pedir axuda para resolver a súa situación canto antes.

Esta veciña da Limia non culpa en ningún momento ó persoal sanitario que a atendeu, tan só pide que se faga xustiza.