A veciñanza de Covas (Os Blancos) rexeita en asemblea a instalación de macroeólicos

Veciñanza de Covas tras a asemblea do pasado domingo
A veciñanza de Covas (Os Blancos) rexeita en asemblea a instalación de macroeólicos

Colectivos veciñais e plataformas de toda a provincia concentraranse en Xinzo de Limia, no marco dunha protesta de todas as comarcas do país, o domingo 11 ás 12 da mañá.

Covas (Os Blancos), unha aldea que ficaría dentro dun polígono industrial eólico rodeada por macroaeroxeradores de 180 metros de altura a menos dun quilómetro das casas, con impactos directos para a saúde humana e risco grave para os animais e calquera explotación gandeira nas proximidades se vai adiante o proxecto Lamas II (unha ampliación fraudulenta do macroparque Lamas de Feás), declarouse maioritariamente en contra deste proxecto promovido pola corporación enerxética Greenalia.

O alcalde dos Blancos, José Manuel Castro (PP), convocou a unha asemblea ás veciñas e veciños de Covas o pasado domingo. Debatéronse os impactos que causaría a construción do macroparque, que xa provocou un amplo rexeitamento nas aldeas de Feás, Lobás e outras veciñas. E finalmente decidiuse votar para expresar a oposición veciñal aos macroeólicos. O resultados foi rotundo: todas e todos as veciñas e veciños presentes votaron en contra da instalación. Abstivéronse o alcalde (que expresou a súa intención de colocarse do lado da maioría da veciñanza do concello) e o presidente da comunidade de monte, que se distanciou da opinión do resto de comuneiros.

As veciñas e veciños, que comezaron a se organizar e se coordinar coa plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, solicitaron do alcalde a convocatoria urxente dun pleno municipal no que se tratase esta cuestión. O alcalde comprometeuse a consultar a outras aldeas afectadas e reunir á corporación en pleno para expresar o apoio institucional á demanda veciñal.

ALEGACIÓNS.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova empezou a distribuír o modelo de alegacións exprés contra o proxecto de Greenalia denominado Lamas II. O prazo para rexistrar os escritos remata o 2 de xaneiro. Stop Eólicos Xurés Celanova dispón de puntos de recollida de alegacións en Xinzo, Baltar, Calvos de Randín, Vilar de Santos, Allariz e Celanova e instala periodicamente mesas de recollida.

As seguintes estarán en Celanova (este xoves na praza Maior durante a celebración do mercado matinal) e en Xinzo (durante a concentración do domingo, día 11).