Os veciños de Rebordachá reciben 10.000 € da Deputación

Xunta de Goberno da Deputación Ourense
Os veciños de Rebordachá reciben 10.000 € da Deputación

A Deputación concede 594.322 euros en axudas destinadas a 20 iniciativas propostas por concellos e entidades para financiar infraestruturas e proxectos sociais e culturais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia do titular do goberno provincial, Manuel Baltar, concedeu un total de 594.321,66 euros en axudas destinadas a 20 iniciativas propostas por concellos e entidades da provincia, co obxecto de financiar proxectos en infraestruturas, servizos públicos e iniciativas sociais, culturais e deportivas.

A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con 368.221,66 euros para 10 iniciativas. En detalle, na orde do día figuraba unha achega de 10.000 euros a favor do Concello de Bande para a reparación da rede de saneamento no núcleo de Bande; unha subvención de 48.000 euros a favor do Concello de Esgos para a obra da biblioteca municipal; unha achega de 16.221,66 euros destinada ao Concello de Manzaneda para a cofinanciación da compra dun tractor; e tres achegas por un total de 144.000 euros a favor do Concello da Merca destinadas á execución da obra de mellora de firme en Valdoseixo, a mellora da seguridade vial en A Manchica e unha iniciativa de abastecemento.

As subvencións aprobadas en cooperación local complétanse cunha achega de 48.000 euros a favor do Concello de Padrenda para a reconstrución dun muro en Pousafoles; unha subvención de 5.000 euros a favor do Concello de Ribadavia para completar o apoio anual da Deputación á Mostra Internacional de Teatro; unha achega de 125.000 euros para o Concello da Veiga destinada a obras hidráulicas; e unha achega de 20.000 euros a favor do Concello de Vilamarín para executar a obra de reforma da cuberta e obras interiores na casa da cultura de Vilamarín.

Polo que se refire á cooperación con entidades, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou 226.100 euros para 10 iniciativas. En concreto, deu luz verde a dúas achegas por un total de 90.000 euros para o Clúster da Pizarra de Galicia destinadas a gastos de funcionamento e o proxecto de turismo industrial; o CD Barco conta cunha achega de 18.000 euros para gastos de funcionamento; o Club Ciclistas do Ribeiro suma unha subvención de 1.500 euros destinada a gastos xerais da entidade; o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras conta cunha achega de 80.000 euros para executar obras na súa sede; a Asociación Cultural Memoria Antigua conta cunha achega de 4.000 euros para apoiar a organización da Feira Auria; e a Asociación de Veciños de Rebordechá, en Xinzo de Limia, contará cunha achega de 10.000 euros destinada ao equipamento e reformas do seu local social.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 3.600 euros a favor da Asociación Eidos do Laboreiro, en Lobeira, para a convivencia entre a comunidade universitaria de Galicia e Portugal; unha achega de 6.000 euros destinada á Escudería Barbadás para gastos de organización do Rallymix de Barbadás; e a Asociación Coordinadora da Festa da Istoria, en Ribadavia, conta cunha subvención de 13.000 euros destinada a gastos de organización da Festa da Istoria.