Os vellos oficios reviven en Feás

undefined
Os vellos oficios reviven en Feás

Cáritas imparte cursos nesta parroquia de Calvos de Randín dedicados a antigas artesanías

Dar vida a contorna rural e xerar puntos de encontro para os maiores dos concellos de Baltar, Blancos, Calvos de Randín e Muíños. Este é o fin dos cursos que Cáritas mantén nestes concellos da Limia Alta a través do seu programa Maiores e Dinamización do Medio Rural. Un dos ámbitos nos que Cáritas Ourense está a traballar é no da recuperación do patrimonio da zona, tanto inmaterial como material. E para poñer en valor a cultura e as tradicións, algúns dos obradoiros están dedicados ás vellas artesanías que acompañaron un modo de vida. No que se está realizando en Feás, no concello de Muiños, había cestos, corozas, liño e muita participación.

É un dos talleres que se imparte na zona, ademáis doutros como ximnasia, manualidades ou música. O rural pode ser un lugar idóneo para envellecer se se potencia a interacción e evítase a soidade. En Feás varios dos participantes recoñecen que os maiores teñen poucos lugares aos que poidan ir “é estar aquí nos gusta”, din. Nos cursos hai representación tanto masculina como feminina e todos coinciden en que pasan o tempo de forma entretida e amena.

Sin título

Un grupo de mulleres relata o proceso do liño nas súas distintas fases. “Que arte teño!”, exclama riseira unha delas mentres espadela con xeito porque traballou este cereal cando era mais nova. E contan outras accións que había que facer ata conseguir o fío co que despois se tecía: “pasalo polo pente para quitar a parte máis dura da fibra, e enfialo despois e torcelo”.

En Feás está presente Celso Ferreira Fernández, último representante –ou dos últimos– dun antiquísimo oficio, o de coroceiro, dedicado a trenzar corozas, as vellas capas feitas con xuncos que evitan a choiva. Ese día estaba a facer unha minocoroza de adorno para un restaurante. Pero lembra outros tempos, cando era obrigado levalas para as faenas cotiás e “iamos pola serra da mañá á noite coas corozas ás costas”. Axúdanlle unhas compañeiras, Julia e Isabel.

Sin título

“Temos bastante xente interesada en querer aprender”, di unha das monitoras presentes no obradoiro de Feás.”. Aínda que nas zonas rurais a difusión é o que custa. E para que non se perdan as vellas artesanías non descartan impartir talleres interxeracionais nos que haxa presenza de xente nova. De feito, é o que pretenden no campamento de verán que se vai a realizar no mes de xullo en Muiños, explican.

Pepe Cota é un dos mestres cesteiros presentes. Conta que tiña un bisavó artesán que veu de Cuba; era latoeiro, facía candís, farois, caldeiros, pero tamén sabía facer cestos de palla que cosía con silva e xesta. Di que “algo quedoume”, aprendeu e gústalle. Así que cando apareceu a posibilidade de impartir obradoiros a través do programa de dinamización do rural de Cáritas non dubidou en colaborar coa entidade para que outros sexan partícipes dos seus coñecementos e interactúen de forma activa. Unha das pezas que está a ensinar a facer en Feás é unha cesta de pesca, de concienzuda elaboración que “leva o seu traballo”.

Sin título

Vídeo reportaxe: https://www.youtube.com/watch?v=kxgvXYrg4lk