lunes. 25.09.2023

A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que explicou que esta será a terceira vez que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

  A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, da unha rolda de prensa sobre a xestión do xabaril.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo,
da unha rolda de prensa sobre a xestión do xabaril.

Tal e como subliñou a directora xeral, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.

Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.

Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.