"Vidas con Historia" no Xurés

_Paulo Vázquez, Manuel Doval, Olga Conde e Carmela Sánchez
"Vidas con Historia" no Xurés


Trátase dun estudo sociolóxico sobre os modos e as historias de vida dos habitantes da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés


A Deputación de Ourense, a través do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, puxo en marcha a iniciativa “Vidas con historia”, un estudo sociolóxico sobre os modos e historias de vida dos habitantes da Reserva da Biosfera Tranfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), que se desenvolverá durante os meses de verán nos seis municipios da parte galega da Reserva (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), co fin de convertelo posteriormente nunha publicación. A presentación desta iniciativa tivo o pasado 9 de agosto no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o representante de Sustinea, Paulo Vázquez; e a directora técnica e a xerente da empresa Etnoga, Olga Conde e Carmela Sánchez, respectivamente.

Que é "Vidas con Historia"?

O proxecto “Vidas con historia”, para o cal se realizarán 40 entrevistas a persoas cunha media de idade de 70 anos dos seis concellos anteriormente citados, constituirá unha colección de relatos das persoas moradoras do lado galego da RBTGX.

Os traballos realizaranse no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, e desenvolveranse conxuntamente entre a Deputación de Ourense e ADERE Peneda Gerês, unha entidade privada portuguesa sen fins lucrativos, que desenvolve a súa actividade nas rexións dos cinco concellos que abrangue o Parque Nacional da Peneda Gerês.

Os resultados obtidos por ambas entidades trala recompilación de datos cunha metodoloxía común previamente acordada, darán lugar posteriormente á publicación dun libro editado en dous volumes.

Talleres de sensibilización

Por outra parte, o deputado provincial de Cultura tamén presentou hoxe outra iniciativa que está a organizar a Deputación de Ourense nos concellos da provincia da Reserva da Biosfera Tranfronteiriza Gerês-Xurés.

Os talleres de sensibilización estarán orientados á poboación local da RBTGX de tódolos segmentos poboacionais de ámbolos lados da fronteira, co fin de profundizar no coñecemento deste espazo natural protexido e dos valores e recursos que están asociados a el, así como fomentar o seu coñecemento. Así mesmo, estes talleres terán como obxectivo “dar a coñecer, dunha forma didáctica, o patrimonio cultural e natural da RBTGX a través das Portas do Xurés: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños”, explicou Manuel Doval.

A través destes obradoiros, os asistentes poderán valorar os recursos da Reserva da Biosfera interactuando de forma dinámica e a través da realización de xogos e xincanas. Para iso, buscarase o tesouro de Xan das Congostras que está agochado nalgunha parte do Xurés e que os participantes deberán atopar. Tamén haberá xogos populares e tradicionais para que nenos e adultos amosen as súas destrezas e poidan aprender ou lembrar as técnicas dos xogos dos nosos antepasados.


Gerês-Xurés Dinámico


O proxecto Gerês-Xurés Dinámico, no marco do cal a Deputación de Ourense desenvolve estas dúas iniciativas, abrangue numerosas actividades encamiñadas á dinamización da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (RBTGX), a través da promoción do turismo sustentable como un factor de desenvolvemento dos concellos galegos e portugueses. Todo isto realizarase a través da “Rede de Portas da RBTGX”, é dicir, a formada polas 6 Portas do Xurés (Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños), abertas de mércores a domingo, de 10.00 a 1400 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e as 5 Portas do Gerês (Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponte da Barca e Terras de Bouro), así como a creación de valor engadido dos produtos endóxenos da RBTGX.