martes. 28.03.2023
PSdeG da Limia

Edís de Xinzo, Rairiz de Veiga, Sandiás e Trasmiras acordan accións municipais conxuntas

A deputada provincial, Elvira Lama, reclama que Baltar deixe de anunciar nas radios "análises de repercusións" e poña a traballar de inmediato ós organismos que dependen exclusivamente da Deputación.

FOTO REUNION CONCELLOS COMARCA LIMIA ESTRATEGIA PLAGA PATATA
Reunión dos grupos socialistas de concellos da Limia

Os socialistas da comarca da Limia reuníronse hoxe para artellar unha estratexia conxunta coa que facer fronte á inacción do PP no Goberno central, Xunta de Galicia e Deputación de Ourense, ante a ameaza da praga de larva guatemalteca da pataca que xa afecta a unha trintena de concellos de Galicia e que podería chegar de inmediato á provincia, cando está a piques de comezar a tempada de plantación.

Voceiros e edís de Xinzo, Rairiz de Veiga, Sandiás ou Trasmiras acordaron un conxunto de accións entre as que destaca a presentación dunha moción en todos os concellos afectados, na que se reclama a implicación do Instituto do Campo e da Deputación, para que se inste ó Goberno de España á publicación urxente dun real decreto que regule a plantación nas zonas afectadas e á Xunta de Galicia a dispor da partida orzamentaria para indemnizacións; a por en marcha un plan de investigación e a establecer un plan informativo.

A deputada provincial, Elvira Lama, non entende a nugalla da Xunta de Galicia á hora de implantar medidas contundentes: "Nun ano pasamos de tres concellos afectados nunha provincia a 31 concellos en dúas e, a pesar diso, seguimos agardando unha solución". "Ademais da evidente falta de medidas eficaces para a contención, tampouco teñen tratamento para erradicar a praga. E parece que tampouco teñen presa", alerta a deputada.

Os socialistas consideran fundamental a intervención do Instituto do Campo, un ente situado en Xinzo que depende directamente do Inorde, no traballo de prevención e loita contra a praga, xa que pode prestar asistencia técnica ós concellos e produtores. A deputada reclama que Baltar deixe de anunciar nas emisoras de radio "análises de repercusións" e poña a traballar de inmediato ós organismos que dependen exclusivamente da Deputación.

Lama recorda que, ante a posible chegada da praga a Ourense e a evidente falta de medidas, "a preocupación na comarca da Limia é moi alta". "A colleita ten unha media anual superior ós 110 millóns de quilos, unha quinta parte do total que se recolle en Galicia, polo que a praga pode supor unha parálise dun piar da economía da comarca", asegura.

Os socialistas alertan de que a tardanza co real decreto está creando moita inquedanza, así coma unha situación de inseguridade xurídica, xa que a tempada de plantación da pataca está a piques de comezar. "A descoordinación é absoluta. O Ministerio non publica o real decreto e a Xunta vincula as  medidas realmente eficaces á publicación dese real decreto". Ante estes feitos, o PSdeG-PSOE reclama xa o real decreto que, entre outras medidas, obrigará a arrincar e destruír todos os cultivos nas zonas afectadas.

Edís de Xinzo, Rairiz de Veiga, Sandiás e Trasmiras acordan accións municipais conxuntas
Comentarios