Volve a polémica polas árbores da estrada a Celanova

83
Volve a polémica polas árbores da estrada a Celanova

Elvira Lama, Portavoz socialista no Concello de Xinzo, quere coñecer o proxecto de renovación da Avenida de Celanova fronte a este ataque ao medio natural

O Grupo Municipal Socialista ven de rexistrar un escrito solicitando coñecer o Proxecto de renovación que se pretende levar a cabo na Avenida de Celanova, na estrada OU-531, xa que o pasado luns non foron convidados ao acto de presentación do mesmo; acto que contou coa presenza da propia Conselleira de Infraestruturas desprazada a Xinzo para o evento. Os socialistas coñecen pola prensa as intencións de talar as árbores que aínda perviven nas marxes da mencionada estrada, dende a intersección ata a primeira glorieta, que é onde se acometeran as obras.

A sensibilidade medioambiental parece ser un tema menor para o equipo de goberno de Antonio Pérez, que goza dun afán \“arborecida sen medida\”, mentres noutros concellos limítrofes, de similar entidade que Xinzo, fan o indicible pola permanencia e supervivencia de cada árbore coa que contan. Os socialistas queren saber como é o proxecto redactado pola Consellería, e os termos nos que se solicitou esa obra de reforma da Avenida de Celanova. Aínda sendo conscientes da necesidade das obras e reparacións que precisa esta Avenida, longamente demandadas polos veciños, pensan que as reformas hai que facelas causando o menor impacto posible no medio ambiente.

Son moitos os veciños que, alarmados pola noticia, están chamando e solicitando que se manteñan as árbores, que aínda sen ser especies de alto valor ecolóxico, si teñen valor medioambiental e, tamén, nesta estrada serven de protección ou de barreira de seguridade para os peóns. Son moitos os que pensan que as árbores serven de barreira contra o ruído, axudan a aforrar enerxía, refrescan coa súa sombra no verán e reducen o vento no inverno.