Xa abonda de experimentos no Toural!

Fonte parque Toural
Xa abonda de experimentos no Toural!

A errática e desnortada acción política do PP de Xinzo, especialmente nos últimos anos, ten a súa expresión máis gráfica na francamente mellorábel situación dos diversos parques infantís, espazos de lecer e zonas verdes espalladas ao longo e ancho da nosa vila.

De entre todas as desfeitas destacan as perpetradas na Alameda e no Parque do Toural, campo de experimentación de sucesivas escolas-taller organizadas polo Concello e que, malia forte achega de recursos económicos, non conseguiron solucionar as necesidades nin dotar ás veciñas e veciños de Xinzo dunha zona de esparcemento axeitada, como teñen en outras vilas e pobos máis pequenos.

Son moitas, e case todas dañinas, as actuacións dos últimos tempos: eliminación do muro perimetral de pedra, con polémica aparellada polo destino final da mesma, desaparición paulatina e sistemática de exemplares arbóreas, construción do "paseo" á beira do Limia, con regadío incluído, que non fixo máis que separarnos aínda máis do propio río, embaldosado do parque infantil, instalación dunha estación de recollida de información meteorolóxica, ... as desfeitas suman e seguen.

Agora, esgotado o mandato, coas repentinas ansias de última hora dunha equipa de goberno deslabazada e dun alcalde interino, novamente se están a realizar traballos na zona e, por desgraza, todo parece apuntar a unha nova oportunidade desperdiciada e a un novo malgasto de esforzos e recursos. A inexistente planificación e a histórica falta de proxecto, metas e obxectivos dos sucesivos alcaldes e gobernos do PP fai que os cidadáns de Xinzo tampouco teñan a día de hoxe uns parques e zonas verdes á altura dos tempos.

Se o BNG de Xinzo ten responsablidades de goberno a partir do vindeiro mes de maio, poremos en marcha unha actuación planificada neste espazo que o convirta no principal pulmón verde da vila e en zona de referencia de lecer para os veciños e veciñas, coa recuperación do arbolado, o achegamento ao río e a posta en valor dos recursos arqueolóxicos agora sepultados e esquecidos.