XA agradece que o grupo de goberno aceptase a proposta de crear un premio literario Carlos Casares

XA
XA agradece que o grupo de goberno aceptase a proposta de crear un premio literario Carlos Casares

Fan un chamamento á participación masiva da cidadanía

Na última sesión do pleno municipal Xinzo Adiante presentou unha moción na que lle pedían ó Concello que crease un certame literario co nome de Carlos Casares. A súa petición foi atendida e nesta semana saiu a convocatoria do premio narrativo para o cal se poden presentar os traballos ata o 29 de abril.

Dende XA agradecen que se convocase dito certame e engaden que "queremos facer un chamamento á mocidade do noso municipio para que participe masivamente nesta iniciativa a prol da honra da figura do noso ilustre escritor". Sinalan que están en plena disposición de colaborar co grupo de goberno en todo o que sexa traballar pola normalización da lingua galega e "honrar aos autores que tanto loitaron polo uso normal dunha lingua, que actualmente se ve sometida ao lingüicidio perpetrado polo goberno do PP de Feijoó, a través de recortes orzamentarios para a normalización do idioma ou do famoso \“Decreto do Plurilingüismo\” no ámbito educativo", denuncian dende XA.

Nesta mesma moción, Xinzo Adiante incluíu solicitar á Real Academia Galega que as Letras Galegas de 2017, se lle dediquen a Carlos Casares, coincidindo co 50 aniversario da publicación de "Vento ferido", o seu primeiro libro. A proposta foi aprobada por unanimidade e agora queda ver a decisión que toma a institución galega.