Xa hai datas para a nova edición do Festival "Reina Loba"

Presentación do I Festival Reina Loba
Xa hai datas para a nova edición do Festival "Reina Loba"

O Festival contará con aproximadamente 20 grupos de música e máis dunha ducia de obradoiros e exhibicións referentes o arte, a ecoloxía e a artesanía.

Os responsables do Espazo Matrioska veñen de informar das datas do Festival de música, arte e artesania "Reina Loba" que se celebra nos Blancos dende fai xa 3 anos.

Este ano o evento caerá nos días 10, 11 e 12 de agosto.

O Festival contará con aproximadamente 20 grupos de música e máis dunha ducia de obradoiros e exhibicións referentes o arte, a ecoloxía e a artesanía.

Volverase apostar pola reciclaxe e o "feito na casa", tentando ser o máis respectuosos posibles co medio ambiente. Desta maneira repetiranse accións como o emprego de vasos reutilizables, o uso de baños secos que non empregan ningún tipo de químico, a reciclaxe de residuos e, sobre todo, a construcción das infraestruturas do festival empregando materiais reciclados como palés, teas en desuso ou estructuras desbotadas.

O Festival "Reina Loba" quere seguir loitando por un evento para todas as idades, onde non faltarán actividades tanto para cativos como para maiores. Un dos puntos máis chamativos é o do acondicionamento dun campamento para familias máis recollido onde se poderá estar tranquilo, sen apenas ruidos, rodeado de castiñeiros seculares.

Con todo isto, o Festival "Reina Loba" seguirá sendo gratuito aínda que a organización estase formulando a creación dunha entrada voluntaria para todas aquelas persoas que queiran colaborar co evento e facer que creza en próximas edicións. É preciso lembrar que se trata dun evento sen ánimo de lucro, coordinado polo Colectivo e Asociación "Espacio Matrioska", afincada nos Blancos dende hai xa 3 anos.

Así mesmo, celebrarase o 3º mercado de artesanías "Reina loba" que pronto sacará á luz a súa convocatoria. Este mercado destaca pola súa ética ecolóxica e consecuente co medio, a súa calidade e, por suposto, a súa orixinalidade nos obxectos que nel se venden.