XA pídelle ó Concello que destine unha partida para adecuar os velorios do rural

Concelleiros XA
XA pídelle ó Concello que destine unha partida para adecuar os velorios do rural

A petición formulouse a través dunha moción

Xinzo Adiante solicítalle ó Concello que se encargue dos velorios do rural para que se amolden á nova normativa de Sanidade Mortuoria de Galicia. Conisderan que o grupo de goberno debería destinar unha partida de cartos para que os espazos do rural dedicados a velar mortos cumpran os novos requisitos e poidan seguir coa súa función. De non levarse a cabo estas remodelacións, moitas aldeas correrían o risco de perder este servizo.

O certo é que trátase dun feito común que en moitas zonas do rural se habiliten antigas escolas ou casas comunais co fin de usarse, entre outras cousas, como velorios.

Ante este panorama, XA apunta que a solución sería "facer un estudo sobre cal é a situación de cada velorio, ver os recursos dispoñibles e que o Concello se comprometa a colaborar en tódolos núcleos de poboación para que tódos estes espazos se adapten á lei".

O grupo sinala que ante a "raquítica" partida que este ano destina o Concello a inversións, 60.000 euros, e contando, din, "coa capacidade que ten este grupo de goberno para solicitar subvencións a institucións amigas (Estado, Xunta, Deputación), para facelas pasar posteriormente como méritos propios, estamos seguros que algo poderán facer",matizan.

XA tamén aproveita o comunicado para criticar a desmesurada partida dos orzamentos de 2016 que ten como fin o pago de nóminas. "Como o funcionamento destes centros destinados a velar aos defuntos non supón ningún tipo de contratación de persoal, o alcalde pode estar tranquilo, pois non terá que incrementar aínda máis o capítulo destinado a gastos de persoal", engaden.