Xinzo Adiante aplaude que a Xunta bote abaixo o proxecto do alcalde e parabeniza á Plataforma

xinzo adiante anagrama
Xinzo Adiante aplaude que a Xunta bote abaixo o proxecto do alcalde e parabeniza á Plataforma

Despois de varias semanas de loita, apoiando a reivindicación da Plataforma de \“Amig@s das árbores da Limia\”, Xinzo Adiante quere expresar a súa satisfacción polo feito de que a Consellería de Infraestruturas aceptase a petición das máis de 3000 sinaturas recollidas contra a tala que o Alcalde e o Grupo de goberno PPoppular querían acometer na Avda. de Celanova.

Ademais, no comunicado emitido pola Consellería de Infraestruturas, indica que esta acometerá unha \“actuación alternativa á acordada co Concello de Xinzo para transformala nunha vía urbana que manteña as árbores\”, porque recoñece que a contestación veciñal levou ao Concello a ter que recuar do seu proxecto inicial.

Indica a Xunta que \“a Consellería de Infraestruturas e Vivenda redactou o proxecto para o acondicionamento da avenida de Celanova, na estrada autonómica OU-531, entre os treitos p.q. 0+000 e 0+350, de acordo coas demandas trasladadas polo Concello de Xinzo para canalizar por esa vía o tráfico de entrada e saída na vila\” o que desenmascara ao Alcalde e o seu grupo de goberno que dicían descoñecer o proxecto e ter copia do mesmo, facendo crer aos veciños de que fora a propia Consellería quen tomara a iniciativa da tala. O PP de Xinzo e o Alcalde mentiron.

Queremos felicitar a todas aquelas persoas que desinteresadamente colaboraron coa Plataforma, a nivel económico, co seu tempo e asesoramento, por este triunfo da sociedade fronte ao poder que non a escoita.

Do mesmo xeito, censuramos as mentiras do PP e do Alcalde e as manobras que fixeron para que se talasen as árbores. Non sabemos a que amigo/s querían contentar, pero esta é a enésima mostra que corrobora que o PP e o Sr. Antonio Pérez – que agora é independente porque ten un xuízo derivado de presuntos casos de enchufismo do que pode saír inhabilitado- gobernan só para satisfacer os seus intereses e os de determinadas persoas achegadas e que desoen constantemente á cidadanía.

E, outra volta, emprazamos á cidadanía de Xinzo de Limia a defenderse ante as mentiras e manobras dos integrantes deste goberno municipal que só se move por intereses persoais e dos seus amigos.

En Xinzo Adiante, os nosos representantes teñen traballo na empresa privada e ninguén se meteu en política para enchufar algún familiar na Deputación, manter a súa praza de funcionario/a en Xinzo, realizar negocios grazas ao cargo político ou obter outro tipo de prevendas. Outros verán se poden dicir os mesmo. Precisamos un goberno transparente, democrático, que goberne para a maioría social, que atenda ás necesidades da cidadanía e volva situar Xinzo onde merece. Un goberno de progreso, cidadán, que respecte o medio natural e que cambie totalmente a deriva na que o PP ten ao Concello –que se está a converter nun asilo porque a xente nova marcha ao non ter oportunidades-. Desde Xinzo Adiante seguiremos traballando para conseguilo.