Xinzo Adiante considera que o goberno municipal non traballa pola continuidade do conservatorio de música

CONSERVATORIO
Xinzo Adiante considera que o goberno municipal non traballa pola continuidade do conservatorio de música

Pídenlle máis compromiso ó alcalde para manter a infraestrutura educativa

O grupo Xinzo Adiante considera que hai contradicións nas declaracións feitas polo goberno no pasado pleno municipal, todas elas en referencia ó conservatorio de música.

Dende XA sinalan que tras afirmar que non había problemas económicos "solicitouse á Deputación unha achega económica para sufragar gastos de persoal e funcionamento do conservatorio". Engaden que o feito de suprimir a materia de iniciación á música, contradice as declaracións do goberno municipal de que velan pola continuidade da infraestrutura educativa, pois matizan que deste xeito "están impedindo a incorporación de novo alumnado para comezar os seus estudos musicais no centro".

Ante estes feitos, Xinzo Adiante a través dun comunicado, reproba as actuacións levadas a cabo polo grupo de goberno e esíxelle un claro compromiso para garantir a continuidade do conservatorio de música.