XINZO ADIANTE DENUNCIA A INSTALACIÓN DE BADÉNS NON SINALIZADOS NA RÚA RÍO TÁMEGA

IMG_20151017_162436
XINZO ADIANTE DENUNCIA A INSTALACIÓN DE BADÉNS NON SINALIZADOS NA RÚA RÍO TÁMEGA

Este venres 16 de outubro o Concello procedeu, sen previo aviso, a instalar uns badéns na Rúa Río Támega. O problema non radica só en que non se avisase da execución da obra, senón no feito de que non se rematase a mesma, polo que estas elevacións feitas no pavimento para evitar excesos de velocidade quedaron sen sinalizar –como se pode ver nas fotografías.-
Isto provoca malestar entre os condutores que, tanto de día como especialmente pola noite, ao non haber ningún tipo de sinalización nin estaren pintados, non perciben a súa presenza ata que ou ben teñen que frear bruscamente ou ben directamente \“comen\” o badén.
Consideramos que a falla de sinalización ou pintado destas elevacións e o feito de que vaian estar nesta situación toda a fin de semana supón un enorme perigo para os condutores e pode causar accidentes e importantes desperfectos nos vehículos. Cómpre, ademais, lembrarlle ao Concello que este tipo de construcións na calzada deben estar sinalizadas, máxime cando aínda están en plena execución por non estaren rematadas.
Do mesmo xeito, lembramos aos cidadáns que sufran desperfectos nos seus vehículos pola falla de sinalización destas elevacións, que están no seu dereito de reclamarlle á Administración responsable da obra a reparación dos mesmos.