XINZO ADIANTE LAMENTA O ESTADO NO QUE SE ATOPA A AVENIDA DE CELANOVA POLA DEIXADEZ DO GRUPO DE GOBERNO

avenida celanova 1
XINZO ADIANTE LAMENTA O ESTADO NO QUE SE ATOPA A AVENIDA DE CELANOVA POLA DEIXADEZ DO GRUPO DE GOBERNO

As veciñas/os da Avenida de Celanova, ante a falta de dilixencia do goberno municipal do actual Alcalde Independente e o PP, puxéronse en contacto con Xinzo Adiante para manifestar o seu descontento polo lamentable estado da Avenida de Celanova.

Manuel Pérez Campos, portavoz de Xinzo Adiante, achegouse á devandita rúa e puido comprobar que, efectivamente, as follas das árbores se amorean e mesmo dificultan o acceso aos portais e a algúns comercios, sendo os propietarios dos negocios e os propios veciños quen ten que varrelas.

Non é ningún misterio o feito de que en outono as follas das árbores caen e, no caso dos plataneiros sitos nesa rúa, as follas caen ao longo de todo o ano, pero especialmente nesta época. Xa que logo, o portavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, alén de lamentar as molestias que sofren os veciños, non comprende por que o Concello –e neste caso a Concellería de Medio Ambiente dirixida polo Sr. Cabas- non prevé esta situación que se produce habitualmente e organiza os traballos de limpeza e recollida de follas de maneira adecuada, para evitarlles molestias aos veciños.

catsXinzo Adiante opúxose á tala das árbores nesa avenida, pero demandou e demanda que se execute un proxecto respectuoso co medio ambiente e que satisfaga as demandas dos veciños/as –basicamente, garantir a seguridade e visibilidade ao saír dos garaxes e incorporarse á rúa e limpeza das follas-. A Xunta comprometeuse, grazas á loita da veciñanza, a realizar un proxecto que conservase as árbores e satisfixese as demandas da veciñanza.

Xa que logo, non é nin difícil nin supón un custo engadido, afirma Pérez Campos, que o Concello distribúa os traballos de limpeza de xeito racional, con planificación e onde cumpre realizalos. De feito é o traballo do Goberno Municipal que, nesta concellería como en moitas outras, ás veces deixa moito que desexar.

Desde Xinzo Adiante lembrámoslle ao goberno local que non sempre se solucionan os problemas cortando de raíz –como pretendían e pretenden-. Ás veces, cómpre reflexionar e adoptar solucións intermedias, que acostuman ser as máis axeitadas.