XINZO ADIANTE LAMENTA A POLITIZACIÓN ENCUBERTA QUE O EQUIPO DE GOBERNO QUERE FACER DO ENTROIDO

Concelleiros XA
XINZO ADIANTE LAMENTA A POLITIZACIÓN ENCUBERTA QUE O EQUIPO DE GOBERNO QUERE FACER DO ENTROIDO

A semana pasada podiamos ler nos medios unhas declaracións, por parte da comisión das festas patronais 2015 de Xinzo de Limia, onde se felicitaban polo éxito das mesmas e dicían que xa estaban pensando en facerse cargo do Entroido do 2016, indicando que \“outra vez serán os veciños os que leven a cabo a organización\”. Ante estas declaracións, desde Xinzo Adiante queremos manifestar o seguinte:

  1. Consideramos que a actitude do Concello foi absolutamente improvisada, ao avisar cun mes de antelación que non se ía facer cargo das festas este ano. O normal sería facer estas festas como cada ano e avisar de que para os vindeiros anos colaboraría pero deixaría de organizalas, dando tempo así aos veciños para organizárense.
  2. A comisión de festas que se formou adoptou a forma de asociación veciñal, a instancias dunha suxestión que o propio Concelleiro de Cultura lles fixo nunha reunión no Concello, para así poder conseguir subvencións e maior respaldo institucional. Pero esta asociación chamada \“Troula da festa\” non é unha asociación veciñal plural, senón a asociación dos militantes e simpatizantes do PP: o presidente, número dez da lista do PP ás municipais; o presidente das Novas Xeracións do PP; máis membros de NNXX do PP; o fillo dunha Concelleira do PP... En fin, todos temos dereito a asociarnos, pero non a enganar aos demais pois, querendo aparentar representar aos veciños, non deixa de ser un chiringuito do PP.
  3. Esta comisión de festas constituída agora en asociación tiña, supostamente, como cometido facerse cargo das festas patronais deste ano. Nas reunións abertas mantidas no Concello non se falou do Entroido. Agora sorprenden estas declaracións do \“asociado\” de \“Troula\” e presidente das NNXX do PP, indicando que se van facer cargo do Entroido do 2016.
  4. Desde Xinzo Adiante rexeitamos absolutamente a pretensión do PP, baixo a cara amable dunha asociación-chiringuito propio, de politizar e instrumentalizar as festas máis importantes e polas que é coñecido o noso municipio. Preguntámonos ademais quen lles deu permiso para facerse cargo destas festas. A quen consultaron? Delegou o Concelleiro de Cultura nesa asociación amiga este cometido? Foi por propia iniciativa? Son respostas que terán que dar.

Nós, tal e como levabamos no noso programa electoral, apostamos por que o Concello arbitre unha serie de reunións cos diversos colectivos que levan traballado a prol do noso Entroido moito tempo, polas persoas que participan en foros onde se propoñen accións e medidas para mellorar esta festa; apostamos por darlle a voz a quen sabe e de quen nunca se tivo en conta a súa opinión. Rexeitamos que o Concello volva organizar o Entroido como lle veña en gana, a través dunha asociación \“amiga da casa\”.