XINZO ADIANTE LAMENTA QUE O PP VOTE CONTRA A NORMALIZACIÓN E O EMPREGO EFECTIVO DO GALEGO, MENTRES IMPIDE QUE O PLENO SE POSTULE CONTRA O TRATADO DE LIBRE COMERCIO QUE ESTÁN A NEGOCIAR A EU E OS EE.UU

concelleiros grupo XA
XINZO ADIANTE LAMENTA QUE O PP VOTE CONTRA A NORMALIZACIÓN E O EMPREGO EFECTIVO DO GALEGO, MENTRES IMPIDE QUE O PLENO SE POSTULE CONTRA O TRATADO DE LIBRE COMERCIO QUE ESTÁN A NEGOCIAR A EU E OS EE.UU

Unha vez máis, no último Pleno municipal celebrado en Xinzo de Limia, o PP puxo en valor a súa visión neoliberal da economía e o seu máis absoluto desprezo cara ós símbolos que nos identifican como galegos.

Ante a moción impulsada por todos os grupos da oposición, para que o Concello se declarase contrario aos Tratados de libre comercio, o PP amosou o seu rexeitamento porque cren que se as cousas importantes se negocian en instancias europeas, hai que deixar que se negocien nesas instancias. Ademais, indican que non podemos debater sobre o que aínda non está aprobado, en relación ao controvertido TTIP que nos vai converter en man de obra aínda máis barata e vai poñer a nosa educación, sanidade, política alimentaria... entre outras cuestións, en mans dos principais lobbys empresariais transatlánticos.

Os mesmos lobbys que, ao igual que ex- ministros como o Sr. Soria e outros políticos do PP, deciden desviar o seu capital a sociedades en paraísos fiscais como Panamá, as illas Seychelles, as Illas Virxes, Jersey... para pagar menos impostos. Os mesmos que pasean con pulseiriñas e camisetas coa bandeira española, dándose de moi patriotas, son quen defrauda e evade capitais.

Con todo, ao falar de darlle cumprimento á Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, requirido por parte dun comité de expertos da Unión Europea, que se reuniu coa Xunta e varios colectivos a prol da normalización do galego, consideran que o galego goza de boa saúde, que non hai ningún problema, que existe o famoso invento da era Fraga chamado \“bilingüismo harmónico\” e que eles, o PP, téñenlle un amor á lingua enorme... Tanto amor lle teñen, que votan en contra da moción. E a situación do galego é tan boa e a transmisión xeracional está tan asegurada que moitos destes concelleiros do PP, galegofalantes iniciais, lles falan en castelán aos fillos. Iso será o amor que lle teñen á lingua.

Como colofón ao debate sobre a lingua, despois dunha especie de encíclica de carácter bucólico que o Portavoz do PP pronunciou, destacando o devandito amor que lle teñen ao galego, o Sr. Alcalde –co seu costume de rematar cada punto tratando de descualificar e insultar á oposición- dixo que non había ningún problema co galego, para acabar relacionando a moción da oposición co Parlamento Europeo e a presenza do sr. Otegi e as vítimas do terrorismo; desviou o debate sobre a lingua para mirar cara parte da oposición e dicirnos que nos reuniamos con terroristas. Unha vez máis, cando o PP non ten argumentos tira do terrorismo e das vítimas. Iso si é unha burda utilización das vítimas.

Xinzo Adiante é unha candidatura veciñal, non ten deputados en ningunha Administración distinta ao Concello de Xinzo, pero ten feito moito máis polos veciños de Xinzo de Limia que algúns que teñen deputados en todas as instancias, algúns deles con contas en paraísos fiscais.