Xinzo Adiante pide que as empresas enerxéticas paguen por ocupación do espazo público

Manuel Pérez, Francisca Rodríguez e Xosé Miguel Barrios, concelleiros de Xinzo Adiante
Xinzo Adiante pide que as empresas enerxéticas paguen por ocupación do espazo público

Así o solicitan a través dunha moción rexistrada no Concello de Xinzo de Limia.

"Desde que comezou a crise, os veciños de Xinzo de Limia teñen sufrido e sofren as consecuencias dun Plan de Axuste aprobado polo PP, para pagar a débeda que o propio PP xerou", afirman dende XA.

Isto, segundo eles, traduciuse nun "catastrazo" en forma de contribucións "abusivas", que foron subindo cada ano; en ter que pagar impostos por ter un galiñeiro ou un invernadeiro. Aseguran que "os hostaleiros non escaparon a un aumento brutal da taxa por instalar terrazas en dominio público", que "os prezos públicos subiron" e que "sufrimos na comarca recortes en sanidade, educación e eependencia" ademáis de que "os pensionistas viron mermado o seu poder adquisitivo".

"Pero, mentres que o PP machaca aos cidadáns, hai quen escapa ás taxas: as grandes empresas eléctricas, de gas e de auga", continúan no seu comunicado de prensa.

Unha recente sentenza do Tribunal Supremo permite que os Concellos comecen a valorar como construcións as liñas instaladas polas compañías eléctricas de alta tensión e as canalizacións de gas, á hora de calcular a base impoñible do imposto por uso do dominio público.

Xinzo Adiante, con esta moción, solicita ao Concello de Xinzo de Limia que estableza unha ordenanza que regule a taxa que estas empresas deben aboar por ocupar o dominio público. Se os cidadáns pagan impostos e os hostaleiros pagan taxas por instalar terrazas, "o normal é que estas grandes empresas tamén o fagan".

Por iso, ante a falta de dilixencia do goberno local, "máis entretido en favorecer a instalación de macroempresas comerciais onde recomendar aos seus", Xinzo Adiante non só solicita que se estableza esta taxa senón que lle adxuntou ao goberno local coa moción a ordenanza xa elaborada para que non haxa motivos para demorar a aplicación desta taxa.

"Cremos que así as empresas de subministros contribuirán a engrosar as arcas municipais e esperamos e demandaremos que o goberno do actual alcalde independente e do PP lles poida baixar os impostos aos cidadáns", conclúe o grupo independente XA.