Xinzo Adiante presenta unha moción para adoptar medidas urxentes en materia de incendios forestais

XA
Xinzo Adiante presenta unha moción para adoptar medidas urxentes en materia de incendios forestais

Entrarían medidas contra os lumes forestais e prevención dos mesmos

XA Xinzo Adiante establece que a política de lumes da Xunta de Galicia está encamiñada á extinción pero non se inclúen a toma de medidas preventivas e de limpeza, e califícana de "fracaso". Sinalan que o Goberno galego promoveu accións lexislativas que supuxeron a redución e mesmo desaparición da distancia de separación das plantacións forestais ós nucleos rurais. Por outra banda, manteñen que o goberno de Feijoo subvencionou moitos anos o abandono da actividade agraria, quedando dese xeito o territorio deixado ó mato propiciando así a propagación de incendios forestais.

O grupo XA apunta que á mala xestión da Xunta en materia de lumes "cómpre sumar as irresponsables declaracións do alcalde do noso municipio". Engaden que Antonio Pérez "preso da euforia por ter un micrófono que lle garantía un minuto de gloria nos informativos, chegou a afirmar que se atopan sete artefactos explosivos, falando de terrorismo ecolóxico semellante ó dos yihadistas, creando gran alarma na poboación con esas declaracións, que tiveron que ser desmentidas pola fiscalía", en referencia ó lume de Cualedro. Consideran que o Concello de Xinzo ten que mellorar a prevención de lumes e levala a cabo.

Por toda esta situación, Xinzo Adiante rexistrou unha moción para levala o plenario municipal e instar á Xunta a que poña en marcha unha política que elimine os incentivos á forestación das terras agrarias;que tomen medidas de limpeza e protección dos perímetros rurais e que frenen o despoboamento e o abandono das terras.