XINZO ADIANTE PRESENTA UNHA MOCIÓN CON CARÁCTER DE URXENCIA

ies cidade
XINZO ADIANTE PRESENTA UNHA MOCIÓN CON CARÁCTER DE URXENCIA

XINZO ADIANTE PRESENTA UNHA MOCIÓN CON CARÁCTER DE URXENCIA A PROL DO MANTEMENTO DO CICLO MEDIO DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA

Xinzo Adiante rexistrou onte no Concello de Xinzo de Limia unha moción, con carácter de urxencia, en defensa do mantemento do Ciclo Medio de Xestión Administrativa –que ata agora se impartía no IES Cidade de Antioquía-, cuxo peche se contempla, segundo a Orde do 10 de xuño de 2015 da Consellería de Educación e O.U., publicada no D.O.G. o 16 de xuño de 2015, que recolle a oferta formativa de Formación Profesional modular para o curso 2015-2016.

Xinzo Adiante non comprende por que motivos se procede a suprimir estes estudos, tendo en conta que:

  1. Estes estudos permiten acceder á categoría profesional de Auxiliar Administrativo/a, con ampla inserción no mercado laboral (é moi habitual que todo tipo de empresas teñan contratadas persoas para realizar labores de Auxiliar Administrativo).
  2. O peche destes estudos entra en contradición co contemplado na citada Orde, que no seu parágrafo 8 indica que: \“A Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria presenta a oferta de ciclos formativos... consciente de que esta modalidade facilita a cualificación profesional, xa que ofrece a posibilidade de abordar a realización dun ciclo formativo con máis flexibilidade, e permite dar resposta ás demandas que suscitan o mercado laboral e os colectivos específicos\”. A realidade é que cada ano se pechan máis ciclos de formación profesional.
  3. Unha vez máis a Xunta de Galicia lle volve dar as costas á Comarca da Limia e, singularmente, ao Concello de Xinzo de Limia, pois no é a primeira vez que nos retiran –ou pretenden retirar- servizos dos que gozabamos ata hai ben pouco. A Xunta cébase na Limia cos recortes, por unha banda, mentres que de cara á galería pon en marcha medidas como o Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia 2013-16, no que se recolle a necesidade de levar a termo accións integrais de desenvolvemento económico de todo o territorio, potenciar o desenvolvemento social e laboral e asentar poboación no rural. A realidade é que os actos non se corresponden con estas supostas boas intencións.
  4. Non entendemos como o actual e continuísta goberno local non eleva unha enérxica protesta ante o desmantelamento da oferta educativa no noso municipio, máxime tendo en conta que tanto o goberno local como o da Xunta son do mesmo signo político (PP). Realmente, o feito de pertenceren ao mesmo partido político non se traduce en melloras para estes Concello, senón máis ben todo o contrario.

Por todo isto, solicitamos que o plenario do Concello de Xinzo de Limia inste á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a que se manteña para o curso 2015/2016 e vindeiros a oferta de Ciclo Medio de Xestión Administrativa no I.E.S. Cidade de Antioquía, nas mesmas condicións, ou mellorándoas, conforme se estaba a facer ata agora.

En Xinzo de Limia, a 7 de xullo do 2015