Xinzo Adiante solicita que se cumpran os prazos do AVE

xinzo adiante anagrama
Xinzo Adiante solicita que se cumpran os prazos do AVE

Tamén pide que se tomen medidas de control contra a praga da couza guatemalteca que afecta á pataca.

Xinzo Adiante vén de presentar dúas mocións para debater no vindeiro Pleno municipal sobre dous temas que afectan directamente a Galicia e, singularmente á nosa comarca: a chegada do AVE e a praga de couza guatemalteca que afecta á pataca.

Sobre a chegada do AVE, queremos denunciar a sistemática utilización política que PP e PSOE teñen feito deste tema no seu propio beneficio: cando Abel Caballero dicía no ano 1993 que por Galicia circulaban trens de alta velocidade; cando a Gran Coalición PP-PSOE (Pepe Blanco e Núñez Feijoó) pactaron a chegada do AVE para 2015; cando a ministra Magdalena Álvarez, referíndose ao \“Plan Galicia de Mierda\” datou a chegada do AVE en 2016; ou finalmente a Ministra que presumía de galega moi PPoppular, Ana Pastor, dixo que de todas todas chegaría no 2018... a única realidade é que todos mentiron. Mentres hai 25 anos que territorios do estado contan con trens de alta velocidade, aquí non hai nada. E temos que aturar a chantaxe do actual Ministro de Fomento quen nos di que ou Ourense ten un acceso do AVE cutre e de segunda ou se non que igual non chega ata o 2021 ou 2022.

Esta situación, as mentiras e as chantaxes son intolerables. Por iso esiximos que Xunta e Deputación fagan unha fronte común para que se manteña a variante de acceso a Ourense proxectada e se manteñan os prazos de chegada do AVE a Ourense fixados.

Sobre a chegada a Galicia da couza guatemalteca, cómpre dicir que é un problema que na nosa comarca pode destrozar o noso principal sector produtivo. Non pode ser que non haxa control sobre as explotacións para o autoconsumo máis alá de apelar á boa conciencia do agricultor; solicitamos que se controle a comercialización das sementes, os almacéns e se delimite a zona afectada pola praga para impedir que esta se estenda e se tomen medidas para o seu exterminio.

Fronte á ausencia de iniciativas dalgúns, a instrumentalización do Pleno que fai o goberno só para defender as Deputacións e reprobar concelleiros... aparece Xinzo Adiante como o grupo municipal que máis iniciativas ten presentado e, sobre todo, cousas que lles importan aos cidadáns. Somos a oposición que acabará por desaloxar do goberno ao bipartito formado polo actual Alcalde independente (Antonio Pérez) e o grupo do PP.