Xinzo Adiante solicita a dimisión do alcalde de Xinzo de Limia

LOGO XA
Xinzo Adiante solicita a dimisión do alcalde de Xinzo de Limia

Ante a situación procesual do alcalde de Xinzo de Limia, D. Antonio Pérez Rodríguez, encausado por presunta prevaricación continuada na contratación de 21 persoas e as manifestacións dos oito edís do PP no Concello, indicando que continuarán apoiando o goberno do actual alcalde, Xinzo Adiante quere realizar as seguintes puntualizacións:

1. Como xa dixemos no seu momento, consideramos que o señor alcalde xa debía ter dimitido ao ser imputado.

2. Os feitos polos que vai ser xulgado e que o poden levar a unha inhabilitación de dez anos son moi graves: falamos de 21 contratacións en procesos distintos, sendo presuntamente o señor Pérez sabedor de que estaba prevaricando. Mesmo a xuíza no seu escrito afirma que a única intención do señor Pérez era manter no posto a determinadas persoas.

3. Consideramos que unha persoa pode equivocarse, pero 21 equivocacións parécennos excesivas e non resulta moi crible que o alcalde non soubese que estaba a facer as cousas de xeito ilegal.

4. Solicitamos aos oito concelleiros do PP que expliquen por que manteñen no poder a este señor, vulnerando así o código ético do seu partido, que no apartado 1.a. indica que os cargos electos do PP \“han de observar el máximo rigor y exigencia en el desempeño de sus funciones, velando siempre por el interés público y el servicio a los ciudadanos, y absteniéndose de cualquier conducta que, aún siendo plenamente legal, pueda dañar la imagen u honorabilidad de la organización a la que pertenecen.\” Estamos ante actuacións presuntamente ilegais e o apoio dos concelleiros do PP ao señor Pérez danan claramente a imaxe dese partido. Non comprendemos este apoio incondicional, a non ser que ese concelleiros sexan cómplices dos feitos polos que vai ser procesado o alcalde, en cuxo caso tamén eles deberían dimitir.

5. Solicitamos un posicionamento público claro dos concelleiros Montserrat Lama e Carlos Gómez. Deben explicar por que unha integrante do equipo de goberno da Deputación e un Deputado Autonómico, ambos do PP, manteñen no cargo ao señor Pérez, facendo ao seu partido e converténdoos a eles mesmos en cómplices dos presuntos enchufes perpetrados por este señor.

6. Lamentamos que Xinzo de Limia volva a estar de actualidade por outra conta máis no rosario de presuntas actuacións ilegais do alcalde e o seu grupo de goberno.

7. Esiximos, por ética, por decencia, por transparencia e porque Xinzo non merece ser coñecido por presuntas tramas de enchufismo en empresas públicas e superficies comerciais a cambio de votos, que o señor Antonio Pérez Rodríguez dimita de xeito inmediato, para que non arrastre o nome do noso concello polos xulgados.